Transición enerxética galega e xusta
Recentemente desde a CIG, con ocasión do comezo dos trámites do Proxecto de Lei e demais regulacións legais en marcha, fixemos unha lectura crítica e presentamos unha relación de emendas e alternativas a esta, no documento titulado Posición da CIG ante o Proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética.
Polo tanto, desde a validez das análises alí contidas, a seguir relacionamos as novas propostas, xunto coa vixencia das que levamos tempo formulando.
- 1. Iniciativas Lexislativas Populares
As diferentes Iniciativas Lexislativas Populares promovidas pola CIG: Proposta para unha Tarifa Eléctrica Galega, de Medidas para a Xestión Pública dos Saltos e Aproveitamentos Hidroeléctricos de Galiza e Proposición para a protección e mellora dos hábitats do bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra incendios forestais. Así mesmo das reivindicacións contidas no Manifesto por un Monte Galego con Futuro.
- 2. Empresa Pública Galega de Electricidade
Creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas cuxa concesión vaia vencendo e, tamén, controle as participacións accionariais que ten a Xunta noutras empresas enerxéticas.
- 3. Estratexia de Transición Xusta en Galiza
Por unha Estratexia de Transición Xusta en Galiza, que debera dar solución inmediata nas seguintes direccións:
• Inclusión de Galiza no Plan de Acción Urxente para Países do Carbón e Centrais Pechadas 2019-2021 (Estratexia de Transición) en igualdade de condicións que Aragón, Asturies e Castela- León.
• Aprobación e subscrición inmediata dos Convenios de Transición Xusta para As Pontes e Cerceda (Meirama) cun calendario definido de financiamento e accións a realizar ante o impacto por peche e reconversións das centrais térmicas de carbón para o mantemento do emprego e a industria.
• Solucións para a continuidade do emprego nestas comarcas, de forma especial na industria auxiliar.
• Impulso das tecnoloxías de almacenamento de enerxía (hidróxeno verde, baterías etc.), nas proximidades das centrais térmicas, aproveitando a súa capacidade de evacuación eléctrica.
• A asignación de novas instalacións de produción de enerxía renovábeis que se implanten, así como o aceso prioritario de parte ou totalidade da capacidade de evacuación eléctrica das concesións que queden extinguidas polo peche das centrais térmicas, deberán incluír nas convocatorias, ademais dos requisitos técnicos e económicos, outros, tendo de referencia o Decreto 242/2007 da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galiza, como son:
◦ criterios ambientais e sociais.
◦ proxectos de desenvolvemento económico ou plans industriais asociados propostos para a súa implantación nos territorios afectados.
◦ compromisos adicionais de participación pública no capital social do proxecto, segundo as fórmulas estabelecidas na disposición proposta de referencia.
• A implantación de parques eólicos e das súas liñas de evacuación obriga a unha modificación da lexislación para que os/as propietarios/as do monte e das terras afectadas teñan capacidade de negociación coas promotoras dos parques eólicos.
- 4. Estatuto de Empresas Electrointensivas
Aprobación do Estatuto de Empresas Electrointensivas de acordo á Proposta para a Industria Electrointensiva presentada pola CIG no mes de outubro de 2018.
- 5. Propostas para o sector da automoción
• Propostas para o sector da automoción, que demanda a aprobación dun Plan de Transición ante o proceso de descarbonización, coa participación de todas as organizacións sindicais que teñen a consideración legal de máis representativas (de acordo aos artigos 6 e 7 da LOLS) e máis axentes sociais, a fin de abordar un plano de investimento das administracións públicas, que recolla medidas de apoio ao I+D+I no sector para o impulso dos coches híbridos, eléctricos, autónomos, formación dos cadros de persoal cara ao novo sistema de fabricación, plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal, de estabilidade e dignificación das condicións de traballo. Promoverase a optimización dos procesos produtivos, pulando polo aproveitamento das sinerxías entre as factorías principais e a súa industria secundaria.
• Creación dunha Mesa Galega da Automoción (MGA), integrada polo actual clúster empresarial (CEAGA), as centrais sindicais e as tres universidades galegas.
- 6. Transición do sector de carburantes e biocarburantes
Transición xa no sector dos carburantes e biocarburantes, encamiñado á transformación das refinerías en biorefinerías, a transición cara aos biocombustíbeis de segunda xeración, con materias primas sostíbeis e buscando as sinerxías con outras industrias coa elaboración de subprodutos. E, por último, apostando polos biocombustíbeis como combustíbel de transición na mobilidade até que se alcancen os obxectivos marcados para a mobilidade eléctrica.
- 7. Por outra xestión dos residuos
Reformar a Lei de Residuos Sólidos Urbanos para adaptala ás nosas necesidades, que aposte decididamente polo rexeitamento á incineración e se centre en minimizar a produción dos residuos, na súa reutilización e reciclaxe.
- 8. Promoción da mobilidade de persoas e mercadorías sen emisións
Promoción da mobilidade de persoas e mercadorías sen emisións, coa aprobación dun calendario para o desenvolvemento e mellora das infraestruturas e as comunicacións das persoas e do transporte de mercadorías que contribúa aos obxectivos xerais de redución de emisións:
• Nos ámbitos urbanos e interurbanos (incluído o rural) do transporte público por estrada, ferroviario de proximidade (e liña do FEVE no norte de Galiza) e por vía marítima, priorizando a súa complementariedade a todos os niveis, así como aeroportuario.
• Elaboración dun plano que faga real un sistema aeroportuario galego, a partir da cooperación e complementariedade dos tres aeroportos, potenciando o aeroporto de Santiago de Compostela como aeroporto da capital de Galiza, ampliando e potenciando o seu carácter internacional.
• Reformulación do ente público, Portos de Galiza para unha potenciación conxunta e real dos cinco portos principais (Vigo, A Coruña, Ferrol, Marín e Vilagarcía) para a captación de tránsitos no exterior, evitando a competencia entre eles e fomentando a complementariedade. Así mesmo, resolución da conexión ferroviaria dos portos exteriores da Coruña e Ferrol.
• Incluír Galiza na "rede básica " do corredor atlántico ferroviario, co itinerario A Coruña-Vigo-Ourense-León. Así mesmo, resolver a conexión directa A Coruña- Xixón-Bilbao.
• Incorporar a conexión ferroviaria Vigo-Porto na rede básica do corredor atlántico.
• Incorporar o porto de Vigo como porto nodal formando parte da rede básica.
- 9. Plan de investimento público na construción, infraestruturas e telecomunicacións
Plan de inversión pública na construción, nas infraestruturas e nas telecomunicacións, para un desenvolvemento sostíbel, superando o modelo do financiamento privado con contrato de concesión, para abordar as propostas referidas á mobilidade que relacionamos no apartado anterior até todas aquelas medidas de:
• apoio á rehabilitación de vivendas con medidas como o apoio a eficiencia enerxética, utilización de enerxías renovábeis, conservación de fachadas e acondicionamento dos cascos antigos.
• promoción do uso de materiais autóctonos na construción e rehabilitación de vivendas privadas e edificacións públicas.
• desenvolvemento dun plan especial para a mellora nas telecomunicacións e aceso ás novas tecnoloxías en todos os ámbitos, con especial preocupación no rural.
• tratamento e saneamento das augas residuais.
• finalización da rede viaria galega que permita a conexión de todas as cidades galegas coa capital de Galiza por autoestradas e autovías libre de peaxe. Plan para a conservación e mellora na seguridade viaria nas principais estradas e vías de comunicación galegas.
• construción de itinerarios preferentes para o transporte público e de carril bici nos núcleos de poboación de máis de 20.000 habitantes.
- 10. Minaría sustentábel e recuperación dos espazos naturais
Minaría sustentábel e recuperación dos espazos naturais, a través da aplicación e desenvolvemento íntegro da Lei 3/2008, de ordenación da minaría de Galiza, para que permita:
• Actuacións baseadas en criterios de estabilidade e sostibilidade, cumprindo os requisitos ambientais e peche dos ciclos produtivos, imposibilitando proxectos claramente colonialistas e depredadores.
• Melloras na comercialización e posta en valor do granito e a lousa, fundamentalmente no exterior, así como na eficiencia enerxética, en aplicacións tecnolóxicas ou na integración do proceso produtivo.
• Potenciación, por parte das distintas administracións públicas, do uso da pedra galega, impedindo a competencia desleal coa utilización de materiais de países que non cumpren as normas ambientais nin de protección de saúde dos traballadores e traballadoras.
• Explotación racional do seixo, promovendo o peche de todo o seu ciclo produtivo en Galiza.
• Recuperación de todos aqueles espazos naturais degradados como consecuencia das explotacións mineiras.