Cubre aquí a Ficha de Afiliación
Descarga a Ficha de Afiliación
Envíaa ao local da CIG ou entrégalla é representación sindical da CIG no teu centro de traballo.
AFÍLIATE !
Somos a primeira forza sindical, pero contigo somos mais fortes.
Somos a primeira forza, pero contigo somos moito máis.
A CIG é a primeira forza sindical na Galiza en número de delegadas e delegados e tamén en número de afiliadas e afiliados. Ten a condición de "sindicato máis representativo" a nivel de todo o Estado español xunto a CCOO, UGT e os sindicatos vascos ELA e LAB. Condición que permite a súa participación nos organismos tripartitos estatais e galegos.
É un sindicato de clase que defende a identidade nacional de Galiza, a unión e autoorganización dos traballadores e traballadoras, que practica a solidariedade e o internacionalismo, que considera un principio fundamental a democracia e a participación, que respecta o pluralismo, que mantén a independencia respecto de calquera outra organización ou institución, e por suposto gobernos e empresas, que se expresa en galego e impulsa a nosa cultura e idioma.
Fomenta un modelo de sindicalismo participativo, no que as persoas afiliadas son parte deste, e ten como célula base a sección sindical (a organización da CIG dentro de cada empresa), recordando sempre que é unha asociación de traballadoras e traballadores para defender os seus dereitos laborais fronte á patronal e á administración/goberno, e fuxindo do espazo que o capitalismo nos quere outorgar, como simple xestoría ou empresa de servizos dependente de axudas e subvencións da administración.
Esa postura evidenciase na nosa confianza na mobilización social como elemento transformador da realidade da clase traballadora e como único mecanismo real para avanzar nas melloras laborais e Sociais, para obter auténticos logros na negociación dos convenios colectivos ou para influenciar nas políticas laborais e sociais da Xunta e do Estado.
A CIG financiase mediante a aportación dos seus afiliados e afiliadas en case un 90% dos seus ingresos. Ese sustento que aporta a afiliación permite que manteñamos a nosa independencia económica, feito do que presumimos e esperamos seguir facéndoo grazas ao teu apoio.
Por todo o dito animamos a que te afilies á CIG, pois é unha central sindical que ten demostrado, coa súa práctica, a súa firmeza e coherencia na defensa dos intereses da clase traballadora galega. Porque é un instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte á explotación de clase.
ESTAS SON ALGUNHAS DAS FERRAMENTAS DE APOIO Á NOSA ACCIÓN SINDICAL:
Para apoio da nosa acción sindical e unha mellor defensa dos intereses da clase traballadora galega, apoiámonos nun conxunto de ferramentas que podemos resumir nos seguintes puntos:
- Un departamento xurídico que cobre todo tipo de accións e defensa en casos de despedimentos, reclamación de cantidades, vacacións, xornada laboral, pensións, prestacións por desemprego, etc., sen ningún recargo en función do tempo de afiliación.
- Os departamentos de asesoramento económico, laboral e de igualdade, que cobren todo tipo de asesoramento en materia de informes para ERES, descolgues de convenios, economía social, plans e políticas de igualdade e conciliación, informes sobre novas ordes, decretos ou leis, etc.
- Departamento de formación profesional que leva anos impartindo cursos de formación, nos nosos propios centros, nos que se formaron miles de traballadores e traballadoras, con fondos públicos e de forma totalmente gratuíta; así como ás delegadas e delegados da nosa central sindical.
- Plan de Axuda Alimentar Solidario da CIG creado coas achegas solidarias da afiliación, para dar apoio a todos aqueles afiliados e afiliadas que como consecuencia da crise teñen dificultades para poder cubrir as necesidades máis básicas de alimentación. Somos a única central sindical en Galiza que temos operativo esta ferramenta de axuda á afiliación.
- A Caixa de Resistencia, de apoio en caso de folga, posibilitando que os afiliados e afiliadas que leven máis de tres meses de afiliación á central sindical, poidan cobrar ata o equivalente do salario mínimo interprofesional, a partir do cuarto día de folga, este incluído, compensando así unha parte importante do salario perdido como consecuencia da folga. Este mecanismo tenlle servido ata hoxe a moitos compañeiros e compañeiras afiliadas para aguantaren a folga na súa empresa e permitirlle así gañar o conflito fronte á patronal. Somos a única central sindical en Galiza que temos operativo esta ferramenta de apoio á afiliación.
DEFENDE OS TEUS DEREITOS E A TÚA DIGNIDADE
FRONTE AOS ATAQUES DO CAPITAL, ORGANÍZATE E LOITA CONNOSCO
AFÍLIATE Á CIG
INFORMACIÓN
Se queres información ou afiliarte á CIG tes distintas opcións:
Ponte en contacto coa representación sindical da CIG na túa empresa.
Chama por teléfono ou envía un correo electrónico ao local da CIG máis próximo ao teu enderezo.
Descarga a folla de afiliación, cúbrea e envíaa ao local da CIG ou entrégalla é representación sindical da CIG no teu centro de traballo.
