Que é a Confederación Intersindical Galega?
A Confederación Intersindical Galega (CIG) xorde do seu congreso fundacional, o 19 de marzo de 1994, e é a converxencia das dúas centrais sindicais galegas, CXTG e INTG, que asinaran previamente un pacto de alianza o 2 de abril de 1990.
A orixe da CIG, e da INTG e CXTG, remóntase ás loitas sindicais da década dos 70 en Galiza, co nacemento de varias organizacións sectoriais, entre as que cómpre salientar o SOG (Sindicato Obreiro Galego), que deu orixe no ano 1977 á ING (Intersindical Nacional Galega), que se unificará posteriormente coa CTG (Confederación de Traballadores Galegos) e mais a CSG (Central Sindical Galega). Deste proceso de converxencia nacen a INTG e a CXTG, que agora se unifican na CIG.
A CIG é un sindicato de clase que defende a identidade nacional de Galiza e a autoorganización dos traballadores e traballadoras, que practica a solidariedade e o internacionalismo, que considera un principio fundamental a democracia e a participación, que respecta o pluralismo, que mantén a independencia respecto de calquera outra organización ou institución, que se expresa en galego e impulsa a nosa cultura e idioma.
A Confederación Intersindical Galega ten como obxectivos básicos a mellora progresiva e xeral, individual e colectiva, dos traballadores e traballadoras; o impulso do Marco Galego de Relacións Laborais e a construción da Central Sindical Única Galega; a defensa do pleno exercicio dos dereitos humanos, individuais e colectivos, incluíndo o dereito de autodeterminación; a loita por unha nova orde económica internacional, máis xusta e solidaria; a reforma do marco xurídico e político que permita a Galiza ser suxeito de pleno dereito dentro da Unión Europea e contar con plena capacidade de actuación en todas as materias, etc.
O Consello Confederal da CIG, máximo organismo entre Congresos, reúnese 3 veces ao ano e conta cuns 100 membros. O Secretariado está composto por 29 membros, ten como finalidade facer o seguimento da acción sindical e reivindicativa sectorial e comarcal, e reúnese cada mes e medio. E a Executiva Confederal está composta por 12 membros e xúntase cada semana ordinariamente. O Secretario Xeral exerce a máxima representación da CIG e coordina os organismos confederais a nivel nacional. Todos os membros da Executiva e o Secretario Xeral son elixidos en Congreso.
A Confederación Intersindical Galega está integrada por 7 comarcas (Vigo, A Coruña, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense e Lugo) e 8 federacións sectoriais (Administración Pública; Banca, Aforro, Seguros e Oficinas; Construción e Madeira; Ensino; Industria; FGAMT (Alimentación, Mar, Téxtil e Transporte e Comunicacións); Saúde; Servizos).
A afiliación realízase na central sindical, que conta con 55 locais en todo o país dedicados a temas especificamente laborais, e unha ducia máis para formación ocupacional e continua (de traballadores/as en paro ou activo). A sede central está na cidade de Compostela e é o centro de reunións dos organismos. A Confederación conta cunha publicación mensual, o Boletín Sindical onde se recollen cada mes a actualidade sindical e os posicionamentos da central en temas de importancia xeral. Así mesmo, posúe o sitio web www.cig.gal, que se renova diariamente.
O período electoral 2016-2019 supuxo un cambio histórico na representatividade sindical na Galiza ao acadar a CIG a primeira forza en representatividade, con 4548 delegados e delegadas, sendo ademais a única central sindical das tres maioritarias que aumentou a súa representatividade.
Isto leva a que a CIG sexa a día de hoxe a primeira forza en representatividade sindical, como xa o era en combatividade e en afiliación, sendo a central sindical depositaria da confianza da maioría dos traballadores e traballadoras galegas, que ven á CIG como unha ferramenta útil de defensa dos intereses da clase traballadora e da nación galega.
A CIG conta coa condición de "sindicato máis representativo" a nivel de todo o Estado español xunto a CCOO, UGT e os sindicatos vascos ELA e LAB. Por esta razón, participa nos organismos tripartitos de ámbito estatal INEM, INSALUD, INSS, ISM, INSERSO, Consejo Económico y Social, Consejo General de Emigración, etc.) e noutros de ámbito nacional galego (Consello Galego de Relacións Laborais, Consello Económico e Social, etc).