Sistema público de atención ás persoas
Necesidade dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas
A crise sanitaria derivada da pandemia da covid-19 puxo máis de manifesto que nunca a necesidade de poñer os coidados na prioridade das políticas públicas, e por tanto, a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas.
Os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade e ás persoas dependentes ou con diversidade funcional, debendo asumir directamente a Administración Pública Galega as súas competencias na atención ás persoas vulnerábeis, xa sexa por idade, pola súa discapacidade ou dependencia.
Os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerada un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estábeis para o persoal encargado dos coidados.
Creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública que preste os seguintes servizos:
-
Centros asistenciais e residenciais da terceira idade
-
Centros de día
-
Centros de atención á diversidade
-
Servizo de Axuda no Fogar
-
Outros recursos: Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa, Transporte Adaptado...
Estes servizos estarán dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos, dignificando as condicións laborais e salariais de todo o persoal coa aplicación dun mesmo convenio colectivo.
Incorporación a esta rede pública todos os actuais Servizos de Axuda no Fogar (SAF) e negociación do convenio colectivo galego que recolla unhas condicións laborais e salariais dignas.
Acadar a transferencia a Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia.