Presentación
- 1. Da crise sanitaria á crise económica e social
A crise sanitaria converteuse nunha profunda crise económica e social. A covid-19 ataca a poboación en xeral, pero o seu impacto discrimina entre persoas ricas e pobres, porque non afecta por igual a todas as clases sociais nin a todos os pobos e nacións.
A pandemia e a súa xestión evidencian as eivas, fracasos e inxustizas do capitalismo, así como a incapacidade do modelo neoliberal para dar solución a esta pandemia, na que predominan os intereses económicos privados, mesmo mercantilizando a vida humana, e na que cada vez máis sectores das clases populares se atopan na máis absoluta desprotección social e sanitaria. Priorízase o vigor da economía en prexuízo claro da preservación da saúde e do benestar do conxunto da poboación.
A pandemia deixou en evidencia tamén que resulta insostíbel a globalización, a deslocalización a nivel mundial dos procesos produtivos dos bens e servizos, así como a dependencia que os estados teñen das empresas privadas para acceder a produtos esenciais (caso dos farmacéuticos, material de protección etc.), póndose en risco a seguridade de toda a poboación ante a imposibilidade de acceder a eles no momento que se necesitaron.
Ten lugar, ademais, nun momento no que xa estábamos de cheo nunha recesión económica, agora profunda crise, da cal non podemos permitir que, de novo, se pretenda saír cun novo saqueo á clase traballadora.
- 2. A desvalorización global do traballo
Vivimos unha intensificación da dixitalización dos procesos produtivos e da descarbonización da economía que están aumentando as ameazas económicas, sociais e laborais para o conxunto das maiorías sociais.
Os cambios pola dixitalización teñen lugar nun capitalismo extremadamente financiarizado. Neste contexto, os avances tecnolóxicos aceleran e transforman o proceso de valorización do capital, xeran maior avance do capitalismo financeiro, ao tempo que se desvaloriza o traballo, con ameaza permanente ao desemprego, precariedade, baixada salarial, aumento da exclusión e da desigualdade social.
Este desenvolvemento tecnolóxico está provocando maior concentración e centralización do capital en grandes consorcios e conglomerados financeiros. Así como, o aumento do investimento do capital fronte á economía produtiva, afondando a caída do peso das rendas salariais no PIB, como se vén comprobando nas últimas décadas, pero especialmente nos últimos anos.
Pero tamén unha preocupante xeración de polos de desenvolvemento moi localizados xeograficamente e onde se concentra todo o investimento tecnolóxico e o rendemento económico desta. Ao tempo que controlan e monopolizan as melloras tecnolóxicas, exportando de forma agresiva a outros territorios a aplicación destas, acentuándose as tendencias á deslocalización e á fragmentación territorial dos procesos produtivos cara aos lugares con condicións laborais mais baixas, fomentando unha competitividade en base aos peores salarios e peores condicións de traballo.
- 3. A "descarbonización" como coartada
A chamada descarbonización da economía prodúcese nun momento no que o capitalismo se atopa co paradoxo de que, dispondo nesta fase histórica de todos os instrumentos que nunca antes tivera ao seu servizo na procura de máis taxa de ganancia, tendo afondado na explotación de clase e na depredación salvaxe dos recursos naturais e das materias primas, o crecemento da economía mundial é menor, é máis débil, mentres a destrución social e ambiental aumenta perigosamente.
En calquera caso, os obxectivos de todos estes novos procesos non son procurar o benestar e camiñar na xustiza social, nin asumir que vivimos nun mundo con recursos naturais limitados e finitos, onde é urxente actuar para que a acción do ser humano deixe de converterse nunha deterioración constante e nunha destrución masiva e irreversíbel do medio.
A economía mundial segue a estar dominada polo imperialismo e pola imposición dunhas relacións baseadas na súa avariciosa carreira polo aumento da marxe de beneficios a base de sementar máis pobreza e desigualdade. Para o capital, “o fin xustifica os medios”, necesita dunha continua expansión, abrir novos mercados e para afrontar esta crise e as mudanzas no modelo produtivo válense dos estados e dos instrumentos públicos, para maior seguridade do proceso de concentración do capital dominante.
- 4. A axenda neoliberal
Hoxe padecemos os graves custes económicos e sociais impostos polas condicións do rescate bancario iniciado en 2012, fórmula ideada para a socialización das súas perdas, que ten creado un endebedamento público do 100% do PIB. Os grandes niveis de desigualdade económica, precariedade laboral e de empobrecemento social son consecuencia das devastadoras políticas neoliberais aplicadas con maior virulencia desde a crise financeira de 2008, na súa gran maioría en vigor (reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións, recortes e privatizacións de servizos públicos e sociais etc.) e que se utilizan para afrontar a crise actual.
Imos camiño dun empeoramento porque as liñas que se toman para a reconstrución manteñen estas duras políticas e reprodúcense outras novas parecidas ao ditado da Unión Europea, por moito que se disfracen polo actual Goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos. Os rimbombantes anuncios dun plan de reformas estruturais en todos os ámbitos non poden agochar que son aplicación de medidas propias da doutrina neoliberal.
Todas estas actuacións (transición ecolóxica, economía verde, transformación dixital, estatuto dos traballadores/as do século XXI, teletraballo, reforma das pensións...) estanse a realizar desde unha interesada confusión, con grandes doses de engano, fraude e hipocrisía para evitar poñer en cuestión a existencia do sistema capitalista, da propia UE e o profundo centralismo operante no Estado español. Preséntanse como se estiveramos en vésperas da construción dun novo sistema que porá fin á explotación de clase, implantará a emancipación social e unha relación co medio ambiente ideal.
- 5. Un Estado español e unha UE ao servizo da oligarquía
Nesta análise non podemos pasar por alto que esta situación ten lugar no profundo dunha crise institucional e sobre o modelo do estado centralista nacido da Transición, cada vez máis dependente da UE pero cada vez máis fanaticamente centralista e negador da realidade plurinacional existente no Estado español, como mellor fórmula para favorecer o proceso de concentración do capital na oligarquía española en base á pobreza das clases populares e das nacións negadas, como a galega.
En realidade, son medidas obrigadas para cumprir co Acordo do Fondo de Reactivación pola covid-19 aprobado a finais de xullo de 2020, que traza as liñas básicas dun auténtico plan de rescate dos estados -a semellanza dos existentes en 2008– e que esixe un severo paquete de recortes do gasto público, a imposición de novas reformas -como a das pensións-, a consolidación das anteriores reformas -como as laborais de 2010 e 2012-, conxelacións salariais ou máis subas nos impostos indirectos, entre outras duras medidas da disciplina orzamentaria e fiscal que impón a troika para reducir o déficit e a débeda pública, situado xa no Estado español no entorno do 120% do PIB.
Mención á parte merece o previsíbel impacto negativo que a reestruturación destes fondos europeos poidan ter na PAC e no Pacto Verde Europeo, de grande importancia en diferentes sectores produtivos de Galiza.
Estamos de novo ante a verdadeira e única face da UE, como expresión da globalización ao servizo do capital financeiro, fundamentada na creación dun espazo económico construído, nas diferentes etapas da súa evolución, a través da institucionalización xerárquica, asentada mediante acordos entre estados, profundamente centralista, negadora daqueles pobo e nación de Europa que carecen de estrutura de estado, cada vez menos social e cada vez máis mercantilista.
Polo tanto, a UE non existe máis que para aplicar receitas neoliberais, actúa baixo a ditadura do capital financeiro, como desde 2008 vén demostrándose de forma desapiadada, a través de institucións que actúan á marxe de calquera control democrático (BCE, Comisión Europea etc.) e aplicando unha política fiscal, monetaria e de disciplina do euro baixo o único control do BCE, convertido nun supervisor financeiro ao servizo da banca alemá e o gran capital financeiro, controlando así de forma total as política económicas dos estados.
Unha reactivación económica e social xusta parece difícil, por non dicir imposíbel, sen recuperar as competencias na política monetaria por parte dos estados, sen acabar co papel do BCE e coa conseguinte saída do euro.
- 6. Galiza ante a crise
En Galiza afrontamos esta realidade con máis dificultade porque estabamos de cheo nunha crise social, industrial, demográfica -agravada ante a incesante emigración- que por si propia xa tiña o impacto dunha situación de emerxencia nacional e social- que temos analizado en documentos anteriores- , pero á que agora se lle suma toda esta nova realidade.
Esta crise non está afectando de igual maneira a unhas actividades que a outras. Algunhas van saír reforzadas, como a alimentación, a loxistica…; pero outras, especialmente as de maior presenza de PEME e de persoas autónomas (moi ligadas ao turismo e comercio), poden sufrir danos irreparábeis se non hai unha actuación pública eficaz.
Así mesmo, vivimos as novas situacións que de forma decisiva inciden no noso país e na clase traballadora galega, como son a chamada descarbonización, a dixitalización xunto co teletraballo, pero tamén das consecuencias do brexit en importantes sectores da economía galega.
- 7. Unha "transición enerxética" desigual e inxusta
A chamada descarbonización está sendo un proceso de desmantelamento total, para nada un proceso de transición. Aplícasenos con dureza un nivel de esixencias propias dun estado soberano que tivese entusiasticamente decidido no seu día este tipo de desenvolvemento. En realidade estamos asistindo a unha nova versión -actualizada- das reconversións brutais que xa vivimos con aquel chamado Mercado Común Europeo, hoxe UE, que foi e é, unha ruína para o pobo galego.
O peche das centrais térmicas galegas é o comezo das consecuencias deste proceso, pero á vista están as ameazas noutros moitos sectores industriais (electrointensivo, automoción, hidrocarburos e biocombustíbeis etc.) e mesmo do sector primario. Comarcas enteiras de Galiza camiño da desertización social e industrial, sen plans alternativos de ningún tipo de reindustrialización.
Despois de moitas décadas, asentouse unha importante industria de enclave, que non pecha nin completa os procesos produtivos no país, altamente contaminante, que veu espoliar as nosas materias primas, os nosos recursos enerxéticos, espremendo ao máximo unha man de obra barata e precarizada, sen crear máis emprego e desenvolvemento que o necesario para impoñer este sistema.
O futuro que se nos presenta de sostibilidade non é certo. As mudanzas das que se falan non existen, porque neste proceso que se abre para Galiza pretendese seguir espoliando os nosos recursos enerxéticos, reimplantando un modelo que segue sendo imposto e ao servizo dos intereses das empresas eléctricas, que substitúen unha fonte de produción de enerxía (centrais térmicas) por outras (eólicos), pero sen asumir ningún tipo de responsabilidade social do dano causado, nin estaren dispostas a ceder a súa posición de oligopolio, que acumula -e seguirá con este deseño acumulando- cada día máis ganancias polos altos prezos da electricidade que impoñen en prexuízo da nosa industria e causando pobreza enerxética a máis poboación.
Non podemos, unha vez máis, ser os únicos e as únicas en asumir os custos desta reconversión mentres a nosa capacidade de produción de enerxía segue posta ao servizo dos intereses das grandes eléctricas e do desenvolvemento industrial e da xeración de emprego fóra de Galiza.
- 8. O goberno anti-galego e anti-obreiro de Feixóo
O Goberno de Feixoo está descaradamente ao servizo deste deseño feito en favor dos Fondos de Investimento e do sistema español consagrado na Constitución do 1978 e no Estatuto de Autonomía de Galiza de 1981 que negan os dereitos nacionais de Galiza e o direito a decidir por nós mesmos, que nos submete a ter un papel periférico no económico, de colonia dentro do Estado español, no que á drenaxe para o exterior do aforro dos galegos e galegas, coa bancarización e venda das antigas caixas de aforro, sumáselle a contínua explotación dos nosos recursos naturais e minerais, mentres de novo, e con máis forza, subministramos man de obra barata a través dunha emigración que nos está a deixar sen xente, nun País cada vez máis envellecido e con menos a poboación activa
Estamos ante unha realidade na que está en xogo o noso futuro e ante a cal temos a manifesta inacción nas súas funcións do Goberno galego, cando non de fatal actuación, contribuíndo na destrución dos nosos sectores produtivos e industriais estratéxicos e aplicando unha política suicida de desenvolvemento económico para a sociedade galega consistente case en exclusiva na eucaliptización do país en favor da industria pasteira e no sector servizos, especialmente no turismo e no Camiño de Santiago, que se veu claramente castigado na pandemia, demostrando que é unha falsa alternativa de futuro para ter un crecemento económico forte e ser fonte creadora de emprego digno.
A chamada Lei de Fomento Empresarial (aprobada antidemocraticamente a finais do ano 2017), representa de forma visíbel como se traballa para consolidar un modelo de país que afonda na histórica xeración de graves desequilibrios territoriais, sociais e ambientais.
Ante esta situación, en Galiza contamos con importantes vantaxes pero tamén con grandes inconvenientes: temos unha forte presenza en sectores considerados esenciais, como o primario e nas súas industrias derivadas, pero contamos cun escaso e limitado poder na toma de decisións pola pertenza a Unión Europea, mais especialmente pola falta de competencias plenas en Galiza para afrontar esta situación.
- 9. Por unha saída galega xusta da crise
Con estas propostas queremos combater calquera intención de que se diga de novo que a recuperación económica é a consecución de porcentaxes positivas nos dados macroeconómicos. Como tamén que nos sigan mallando coas mentiras sobre a nosa incapacidade como pobo galego para afrontar esta situación se non é con máis dependencia e submisión ao que desde Madrid acorden.
De se confirmar todo isto, seguirá aumentando o regueiro que temos de pobreza laboral, desemprego e exclusión social á par do continuo proceso de desgaleguización e españolización de Galiza.
Por iso, hoxe máis que nunca, reivindicar o dereito a decidir é vital para facer fronte eficazmente á crise. A comezar por recuperar o autogoberno para sermos quen de levar adiante toda un sistemático e completo paquete de políticas públicas que concentren todos os recursos en favor das maiorías sociais; única maneira real de garantir unha protección social plena, sen exclusións, e o dereito a ter emprego, salarios e ingresos dignos para toda a clase traballadora galega.
Calquera medida para facer realidade a superación da crise e a creación de emprego en Galiza debe camiñar na dirección que posibilite ao Parlamento galego desenvolver de forma soberana as medidas necesarias para facer realidade este Plan Galego de Crecemento Económico e Creación de Emprego.
Avanzar para ter plenas competencias en todas as materias (laboral, fiscal, financeira, industrial, agrogandeira, pesqueira etc.) é un piar fundamental, xa que significa poder decidir sobre o noso modelo económico e social, para que nos dea como pobo galego unha alternativa e viabilidade de futuro, e na que poidamos vivir e traballar dignamente na nosa terra.
O aproveitamento dos moitos recursos que temos dispoñíbeis no noso país (produción de enerxía, recursos minerais, riqueza forestal, actividade de produción e transformación no sector agrario e pesqueiro etc.) deben de estar ao servizo de crear emprego digno, de completar os ciclos produtivos no propio país, aumentar o valor engadido en sectores básicos da nosa economía, diversificar as nosas capacidades produtivas e industriais, procurar un mellor equilibrio territorial e ambiental, dunha rendibilidade social e non privada, evitando a destrución de emprego e a emigración, e consolidando o respecto polos dereitos laborais e a mellora das condicións de traballo.
Neste sentido van as propostas que dende a CIG formulamos, porque apostamos por UNHA SAÍDA GALEGA Á CRISE, superando as políticas neoliberais e defendendo un desenvolvemento galego propio, asegurando un financiamento público, abordando unha profunda reforma fiscal, que grave oportunamente as grandes fortunas e as grandes empresas, así como a intervención pública de sectores estratéxicos da economía, hoxe en mans privadas (banca, eléctricas etc.).
En calquera caso, son todas elas actuacións que esixen a combinación de medidas urxentes, que os Orzamentos da Xunta de Galiza e os Orzamentos Xerais do Estado deberán recoller dentro dunha alternativa a longo prazo e de carácter estratéxico, porque a loita é agora por saír desta crise creando as bases para un cambio de sistema no camiño de avanzar cara unha Galiza ceibe e sen explotación.