Plan de recuperación
Plan de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno na Galiza
INTRODUCIÓN
As características propias da crise no noso país, e cando estamos en pleno proceso de transición enerxética, de descarbonización da economía e de dixitalización dos procesos produtivos, fan máis necesario que nunca afrontar a recuperación económica, a creación de emprego digno e a industrialización en Galiza, na que os poderes públicos deben ter un papel central na dinamización económica.
A inseguridade e o perigo que están supoñendo para a economía as cadeas globais de produción ou valor, obriga á posta en marcha dun plan de desenvolvemento industrial que contemple o peche dos ciclos produtivos en Galiza e aumente o valor engadido en sectores básicos da nosa economía (leite, papel, granito, moble, pesca, marisqueo, téxtil, conserva, enerxías renovábeis, silvicultura, automóbil, naval), así como fomentar a promoción exterior dos produtos galegos, priorizando sectores e mercados.
Esta crise pon de manifesto que hoxe máis que nunca, o sector agrario e pesqueiro cumpren unha función social en Galiza de primeira orde, polo que cómpre superar o papel mercantilista que impoñen as políticas da UE e dos tratados internacionais.
As nosas propostas van nesta dirección e na de garantir un desenvolvemento sostíbel e a seguridade alimentar asentada no principio de que o pobo galego temos dereito a definir as nosas propia política agraria, pesqueira e alimentaria.
Desde a CIG defendemos a urxencia dun Plan Galego de Recuperación Económica, Industrialización e Creación de Emprego Digno en Galiza que debe conter medidas transversais xunto con medidas sectoriais e onde compre facer unha forte aposta en favor das forzas sociais galegas para o desenvolvemento deste proceso.