Envíaa ao local da CIG ou entrégalla é representación sindical da CIG no teu centro de traballo.


AFÍLIATE !

O capital está a aproveitar a crise económica para levar adiante un recorte brutal dos nosos dereitos, dos nosos salarios, das nosas condicións laborais e da nosa calidade de vida, ao tempo que aumenta as súas marxes de beneficios.

Durante estes últimos anos aumentaron aínda mais as desigualdades sociais, incrementándose as diferenzas entre as persoas máis ricas e as máis pobres. Un exemplo disto témolo na perda de peso dos salarios fronte aos beneficios da patronal. Así, os salarios pasaron de representar o 47% no Produto Interior Bruto, no ano 2008, a representar o 42,7%, no 2013, mentres que os beneficios empresariais, neste mesmo período, pasaron do 44,8% a representar o 47,7%.

As sucesivas reformas laborais, promovidas polos gobernos españois do PSOE e do PP, foron feitas para favorecer o despedimento e rebaixar salarios. Hoxe ás empresas resíltalles moito máis barato e máis fácil despedir os seus traballadores e traballadoras, así como incumprir o pactado nos convenios colectivos, rebaixando salarios e precarizando as condicións laborais.

Ao tempo, estanse a producir: recortes moi importantes no gasto social, a privatización dos servizos públicos (ensino, saúde, asistencia social...), o aumento das dificultades para acceder a unha pensión e a redución da súa contía, o cobro de moitos medicamentos, o recorte das prestacións por desemprego, etc., todo un conxunto de medidas que van en prexuízo da calidade de vida das clases traballadoras.

Todas estas contrarreformas laborais e recortes de dereitos, xunto coa enorme destrución de emprego, situando os niveis de desemprego en cifras históricas (en Galiza preto de 300.000 persoas desempregadas), debilítannos como clase traballadora, reducen a nosa capacidade reivindicativa e como consecuencia disto prodúcese unha perda de dereitos e de calidade de vida.

HAI QUE FORTALECER AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS. AFÍLIATE Á CIG

Fronte a este ataque do capital á clase traballadora temos que reaccionar e defender os nosos dereitos e o noso futuro. É preciso organizarse, loitar e fortalecer as organizacións sindicais. Por iso te animamos a que te afilies á CIG, pois somos unha central sindical que temos demostrado, coa nosa práctica, a nosa firmeza e coherencia na defensa dos intereses da clase traballadora galega, desde unha postura de confronto co poder, de non integración no sistema, de crítica e rexeitamento ao sindicalismo de colaboración co poder e de pacto social, de garantía de independencia económica e de compromiso coa defensa dos dereitos nacionais de Galiza. 

ESTES SON ALGÚNS DOS SERVIZOS DE APOIO Á NOSA ACCIÓN SINDICAL:

Para apoio da nosa acción sindical e unha mellor defensa dos intereses da clase traballadora galega, creamos todo un conxunto de servizos e mecanismos que podemos resumir nos seguintes:

  • O departamento de servizos xurídicos, que cobre todo tipo de asesoramento e defensa en casos de despedimentos, reclamación de cantidades, vacacións, xornada laboral, pensións, prestacións por desemprego, etc., sendo totalmente gratuíto este servizo, a partir de levar cinco anos afiliado/a.
  • Os departamentos de asesoramento económico, laboral e de igualdade, que cobren todo tipo de asesoramento en materia de informes para ERES, descolgues de convenios, economía social, plans e políticas de igualdade e conciliación, informes sobre novas ordes, decretos ou leis, etc. Totalmente gratuíto.
  • O departamento de formación profesional, que a través dun convenio coa fundación forGA, leva anos impartindo cursos de formación, nos nosos propios centros, nos que se formaron miles de traballadores e traballadoras, con fondos públicos e de forma totalmente gratuíta.
  • O Plan de Axuda Alimentar Solidario da CIG, creado nos últimos tempos, coas achegas solidarias da afiliación, para dar apoio a todos aqueles afiliados e afiliadas que como consecuencia da crise teñen dificultades para poder cubrir as necesidades máis básicas de alimentación. Somos a única central sindical en Galiza que temos operativo este servizo de axuda á afiliación.
  • A Caixa de Resistencia, de apoio en caso de folga, posibilitando que os afiliados e afiliadas, que leven máis de tres meses de afiliación á central sindical, poidan cobrar ata o equivalente do salario mínimo interprofesional, a partir do cuarto día de folga, este incluído, compensando así unha parte importante do salario perdido como consecuencia da folga. Este mecanismo tenlle servido ata hoxe a moitos compañeiros e compañeiras afiliadas para aguantaren a folga na súa empresa e permitirlle así gañar o conflito fronte á patronal. Somos a única central sindical en Galiza que temos operativo este servizo de apoio á afiliación.

DEFENDE OS TEUS DEREITOS E A TÚA DIGNIDADE
FRONTE AOS ATAQUES DO CAPITAL, ORGANÍZATE E LOITA CONNOSCO
AFÍLIATE Á CIG

INFORMACIÓN

Se queres información ou afiliarte á CIG tes distintas opcións:

Ponte en contacto coa representación sindical da CIG na túa empresa.

Chama por teléfono ou envía un correo electrónico ao local da CIG máis próximo ao teu enderezo.

Descarga a folla de afiliación, cúbrea e envíaa ao local da CIG ou entrégalla é representación sindical da CIG no teu centro de traballo.