Organismos

 

Congreso

O Congreso é o órgano soberano da CIG e está composto por un número total de delegados e de delegadas que determinará o Consello Confederal no acordo de convocatoria, cunha distribución que se realizará cos seguintes criterios:

Son delegados e delegadas natos os membros do Consello Confederal e os da Comisión de Garantías.
Os restantes, deica o número total acordado, serán elixidos por comarcas e, dentro destas, por sindicatos ou federacións e, dentro destes, por empresas ou centros de traballo, cun reparto proporcional á afiliación.
O Congreso celebrarase con carácter ordinario unha vez cada catro anos, debendo convocarse cunha antelación de seis meses. O Consello Confederal, órgano responsábel da súa convocatoria, aprobará un regulamento para o período congresual e elaborará unha proposta de regulamento para as sesións do Congreso, a cal deberá ser aprobada por este ao seu inicio.

O Congreso da CIG ten as seguintes competencias:

  • Aprobar ou modificar os estatutos e o programa.
  • Analizar a xestión dos demais órganos de goberno confederais a nivel nacional.
  • Coñecer os estados de contas e aprobalos, se é o caso.
  • Definir as orientacións básicas da política sindical confederal.
  • Elixir Secretario/Secretaria Xeral e Executiva Confederal.
  • Elixir a Comisión de Garantías.
  • Coñecer e decidir todas aquelas cuestións que os estatutos e os regulamentos expresamente lle atribúan e aqueloutras que se lle sometan respectando os estatutos.
 

Consello Confederal

O Consello Confederal é o máximo órgano de dirección da CIG entre congresos e está composto por:

  • Tanto federacións como comarcas terán dereito a un representante no consello confederal por cada 1.000 afiliados e afiliadas ou fracción superior a 500, incluíndo neste cómputo o Secretario ou Secretaria Comarcal ou Nacional de Federación. Esta representación será elixida directamente na asemblea comarcal ou no congreso federal respectivos.
  • Os membros da Executiva confederal.
  • O Secretario ou Secretaria nacional da Secretaría da Mocidade e o Secretario ou Secretaria nacional do colectivo de pensionistas e xubilados/as.

Son competencias do Consello Confederal:

  • Aprobar o seu regulamento de funcionamento.
  • Convocar o Congreso e aprobar o regulamento para o período precongresual, tendo este último que contar co acordo de 2/3 dos membros asistentes.
  • Convocar, por acordo da maioría absoluta dos membros asistentes, Conferencia sindical nacional, que terá carácter deliberante e estará composta polos membros do Consello Confederal, os membros dos órganos de dirección das unións comarcais e os membros dos órganos de dirección dos sindicatos ou federacións, estabelecéndose o seu obxecto no mesmo acordo de convocatoria.
  • Aprobar os regulamentos de materias específicas cando así estea previsto nestes estatutos.
  • Definir as liñas básicas da negociación colectiva. Elaborar a documentación e as propostas que considere oportunas para someter á consideración do Congreso.
  • Analizar cando menos unha vez ao ano a situación socioeconómica e sindical, e propor as orientacións xerais para a acción sindical no seguinte período.
  • Aprobar o orzamento ordinario e, se é o caso, extraordinario, facendo un seguimento cuadrimestral da súa execución.
  • Aprobar as cotas, os salarios e demais condicións laborais, e as transferencias entre estruturas. Examinar a xestión da Executiva Confederal e do Secretariado Confederal.
  • Recibir o Informe-Memoria anual de actividades dos diferentes Servizos da Confederación.
  • Nomear comisións de traballo para os asuntos que considere necesarios, avaliando periodicamente as súas actividades.
  • Ratificar as persoas que compoñan os padroados das Fundacións que poida crear a CIG.
  • Decidir sobre as peticións colectivas de afiliación, adhesión ou integración, así como sobre as relacións que a CIG poida manter con organizacións internacionais sindicais.
  • Adoptar as resolucións de urxencia que considere imprescindíbeis, que non contradigan as resolucións congresuais.
  • Nomear transitoriamente órgano xestor dunha estrutura territorial ou sectorial cando, por dimisión ou falta de elección, non existan órganos de dirección desta.
  • Calquera outra competencia expresamente atribuída ao Consello Confederal nos estatutos e nos regulamentos.
  • Ratificar os plans e informes anuais de traballo realizados por cada unha das secretarías confederais.
  • Aprobar o regulamento de funcionamento da Caixa de Resistencia.
 

Secretariado Confederal

O Secretariado Confederal está composto por:

  • A Executiva Confederal.
  • Secretario ou Secretaria nacional dos sindicatos ou federacións constituídas.
  • Secretario ou Secretaria das unións comarcais.
  • Secretario ou Secretaria nacional da Secretaría da Mocidade e o Secretario ou Secretaria nacional do colectivo de pensionistas e xubilados/as.
  • Excepcionalmente, a ausencia ás reunións do organismo dos secretarios ou das secretarias territoriais ou sectoriais membros deste poderá ser suplida, logo de comunicación, por outro cargo que designe o órgano de dirección respectivo.

O Secretariado Confederal reunirase ordinariamente cada mes e medio; será convocado pola Executiva Confederal, a cal tamén convocará, por iniciativa propia ou a instancia de 1/3 dos membros do organismo, sesións extraordinarias nos asuntos que o requiran.

O Secretariado Confederal terá as seguintes competencias:

1. De coordinación da acción sindical:

  • Aprobar e organizar as actividades e iniciativas sindicais de carácter global en que a CIG participe.
    Coordinar a actividade sindical das unións comarcais e dos sindicatos ou federacións co fin dunha mellor operatividade sindical conxunta.
  • Análise e seguimento dos conflitos e convenios a transcendencia dos cales así o aconselle.
    Seguimento e coordinación da negociación colectiva a nivel nacional.

2. De coordinación da estrutura organizativa e a implantación:

  • Analizar a situación organizativa, as relacións financeiras entre estruturas e a implantación da CIG a todos os niveis e impulsar propostas para a súa potenciación.
  • Nomear os representantes da CIG nos órganos de representación institucional de ámbito xeral a nivel internacional, estatal e galego, e coñecer o nomeamento de representantes en órganos de carácter sectorial e provincial ou inferior, resolvendo, se é o caso, as discrepancias que se poidan producir neses ámbitos.
    Ratificar as novas prazas de persoal creadas nos distintos ámbitos da Confederación, a proposta do órgano responsábel da contratación en cada caso.

3. De carácter interno e funcional:

  • Dotarse dun regulamento de funcionamento.
    Tratar os casos de presunta contradición entre as normas estatutarias a que se refiren os artigos 14 e 32, instando, se é o caso, ditame vinculante da Comisión de Garantías.
  • Presentarlle ao Consello Confederal as propostas que considere.
  • As que lle sexan expresamente delegadas polo Consello Confederal ou atribuídas por estes estatutos e os regulamentos que os desenvolven.
 

Executiva Confederal

A Executiva Confederal está composta por doce membros, incluíndo o/a Secretario/a Xeral, para exercer cada un deles, tanto a nivel externo como interno, unha responsabilidade nacional específica a través dunha Secretaría Confederal. O Consello Confederal ratificará a distribución das áreas de traballo e as responsabilidades específicas asignadas a cada secretaría confederal, que garantirán cando menos a atención das áreas de acción sindical, comunicación, emprego, formación ocupacional e continua, relacións exteriores, formación sindical, gabinete técnico e de saúde laboral, institucional, muller, finanzas e organización.

A Executiva Confederal exercerá mancomunadamente a representación xurídica, económica, patrimonial e legal da CIG, podendo delegar no Secretario/a Xeral ou, na súa ausencia, en calquera outro membro, estas facultades para os únicos efectos de outorgamento de poderes. Ten, ademais, as competencias seguintes:

  • Representación da CIG entre sesións do Consello Confederal.
  • Relacións exteriores e interiores.
  • Elaborar as publicacións e a propaganda de ámbito nacional confederal, así como as relacións cos medios de comunicación.
  • Elaborar propostas e facer seguimento da negociación colectiva, así como facer seguimento dos conflitos laborais de maior transcendencia.
  • Elaborar propostas e facer seguimento da política da CIG en materia de emprego e de formación profesional dos/as traballadores/as.
  • Elaborar os programas de formación sindical e organizar as súas actividades no ámbito nacional confederal.
  • Constituír e dirixir un gabinete técnico de apoio ás tarefas competencia do organismo.
  • Coordinar e facer o seguimento das relacións institucionais da CIG así como da presenza dos seus representantes nos organismos institucionais en que participe.
  • Elaborar e xestionar os orzamentos da caixa confederal, participar na xestión das finanzas confederais e facer seguimento da xestión dos servizos de que se dote a CIG, nos termos aprobados polo Consello Confederal.
  • Pular pola coordinación interna entre as diferentes estruturas da CIG, propor obxectivos organizativos comúns e facer o seguimento da evolución organizativa confederal.
  • Informar ao Consello Confederal e ao Secretariado Confederal da súa planificación e da xestión desenvolvida, e presentar ante estes as propostas de acordos que considere.
  • Propor ao Consello Confederal as persoas que compoñan os Padroados das Fundacións constituídas pola CIG.
    Decidir sobre as cuestións urxentes que se presenten entre reunións dos organismos superiores, dando conta destas na primeira sesión que os devanditos organismos realicen.
  • Presentar un informe de xestión ante o Congreso.
    As que expresamente se lle atribúan polos estatutos ou regulamentos en vigor, así como as que lle sexan delegadas polos organismos superiores.
  • En representación da Executiva Confederal, as contas nacionais confederais serán asinadas mancomunadamente polo Secretario/a Confederal de Finanzas e o Secretario/a Confederal de Organización.

 

A Executiva Confederal está conformada por 12 membros e forman parte dela:

  • Suso Seixo: Secretaría Xeral
  • Paulo Carril Vázquez: Sec. Confederal de Organización
  • Ramiro Oubiña Parracho: Sec. Confederal de Finanzas
  • Antolín Alcántara Álvarez: Sec. Confederal de Negociación Colectiva
  • Miguel Malvido Cabirto :Sec. Confederal de Emprego e Industria
  • Fernando Acuña Rua: Sec. Confederal de Institucional
  • Margarida Corral Sánchez: Sec. Confederal de Muller
  • Francisco Xabier Cartelle Pérez: Sec. Confederal de Políticas Sociais
  • Anxo García Torres: Sec. Confederal Formación para o Emprego
  • Xosé Francisco Miranda Vigo: Sec. Confederal de Comunicación e Propaganda
  • Anxo Pérez Carballo: Sec. Confederal de Medioambiente e Desenvolvemento Sostíbel
  • Elvira Patiño Ogea: Sec. Confederal de Servizos