O persoal da sanidade privada da Coruña retoma as mobilizacións ante a chantaxe da patronal
Representantes da mesa de negociación do convenio da sanidade privada da provincia da Coruña da CIG, CCOO e UGT compareceron esta mañá en rolda de prensa para anunciar a convocatoria de novas xornadas de protesta e de folga. Denuncian que a patronal, tras meses bloqueando a negociación coas súas propostas de recorte e sen ter existido unha negociación real, rompeu a mesa e solicitou unha mediación no AGA que rexeitan “mentres non retiren as súas chantaxe e presenten propostas aceptables”.
MOBILIZACIÓNS
O calendario de concentracións arrinca mañá mércores, día 6 de marzo, cunha manifestación, ás 11:00 horas, desde o Hospital Quirón da Coruña. A partir de aí están previstas concentracións o 20 de marzo no Juan Cardona de Ferrol, ás 10:00 h; o 25 de marzo no HM Esperanza de Santiago, tamén ás 10:00 horas; o 3 de abril, á mesma hora no HM Modelo; o 11 de abril, ás 11:00 h na Rosaleda; o 23 de abril, as 10:00 h novamente no Cardona; o 2 de maio as 11:00 horas, manifestación desde o Hospital San Rafael; o 8 de maio ás 10:00 horas, na Robleda e tamén manifestación, o 22 de maio, ás 10:00 horas, no Hospital Belén.
Xunto a isto teñen tamén convocadas varias xornadas de folga, os días 14 e 15 de marzo; os días 15, 16 e 17 de abril e os días 13, 14, 15 e 16 de maio.
Contra os recortes de dereitos
Miguel Tizón, delegado da CIG e membro da mesa de negociación, lembrou que malia levar meses con xornadas de protesta, concentracións, manifestacións e xornadas de folga, as últimas no mes de febreiro, a patronal decidiu, na última mesa do convenio, “plantarse e levantarse”.
Así, en lugar de continuar coas negociacións na mesa recorreu ao Consello Galego de Relacións Laborais para que mediara un AGA (Acordo Interprofesional Galego de procedementos extraxudiciais de solución de conflitos laborais). Unha operación que consideran que é “unha chantaxe” porque “pretenden que vaimos a esa negociación sen retirar as súas propostas”.
Propostas que, desde o principio da negociación, a representación sindical rexeita porque supoñen recortes a dereitos que xa tiñan adquiridos. “Queren retirar o actual sistema de retribución dos trienios; pretenden modificar como se retribúen as baixas comúns e seguen sen querer incluír o cobro dos domingos”, asegurou Tizón.
Para o representante da CIG o problema é que non se negociou ningún outro aspecto do convenio e que os únicos temas que se abordaron foron estes, o que levaría ás partes a debater arredor destas tres cuestións sen avanzar nada en ningunha outra. “Nós xa temos experiencia con esta patronal e vémonos obrigados a rexeitar esta negociación”, dixo.
Fronte a isto, a representación sindical reclamou volver á mesa de negociación e que se atendan as súas demandas que, como dixo Tizón, “son cousas moi básicas”: unha nova xornada anual que se adapte á media da que existe no Estado no sector; unhas táboas salariais que partan do SMI e que se inclúa a cobro dos domingos”.
Salarios que non chegan ao SMI
O convenio da sanidade privada da provincia da Coruña atinxe aos establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta, laboratorios de análises clínicas ou clínicas dentais e de fisioterapia, entre outros, que aglutinan a máis de 5.000 traballadoras e traballadores. Pero as principais empresas que operan no sector son Quirón, Ribera Salud e H.M.
Trátase dun sector moi feminizado, con contratos precarios e a media xornada. Os salarios en convenio, de arredor de 750€, que se poden corresponder coas categorías de limpeza ou pinche de cociña, seguen estando por debaixo do SMI legal.
Segundo denunciaron, estas grandes empresas da sanidade privada o que están facendo é pagar os atrasos derivados da suba do SMI, isto é, a parte do incremento que aínda non teñen recoñecida nas táboas salariais, ao final do ano.
Isto está provocando que, ao compensar así os salarios máis baixos, agora se estean solapando as categorías porque, segundo apuntaron, o persoal de enfermería ten salarios de arredor de 1.200€ que non se incrementaron co cal o persoal das categorías máis baixas xa está cobrando cantidades similares.
Papel do SERGAS
O 45% do negocio destes grandes hospitais depende dos concertos co SERGAS, que deriva a doentes tanto para cirurxías como, cada vez máis tamén, para probas diagnósticas. A patronal xustifica a súa pretensión de introducir recortes de dereitos e de negar melloras no convenio argüíndo que as cantidades que reciben por eses concertos son insuficientes, que “están traballando a perdas.
Fronte a isto, a representación sindical afirma que non é responsabilidade das traballadoras e traballadores, que estas empresa, propietarias dos hospitais privados máis grandes do Estado, asinen concertos por debaixo dos custos.
En todo caso, tamén responsabilizan ao SERGAS de non garantir condicións dignas tanto na prestación, como nas condicións laborais que ten o persoal destes centros sanitarios.
Por iso conclúen que “é indigno non chegar a fin de mes traballando máis de 40 horas semanais” e advirten que, desta volta non pararán até conseguir que esas condicións laborais dignas estean garantidas.