Urbaser, UGT e USO asinan un acordo "que supón cargarse os dereitos do persoal de fin de semana"
Este venres estaba fixado o xuízo polo conflito colectivo interposto pola CIG e UGT contra Urbaser a causa dos incumprimentos na cobertura das vacantes. Porén, no día de onte, a empresa, USO e UGT asinaron un acordo a través do que pretendían conseguir que se desistira do procedemento xudicial. Para a representación da CIG este acordo supón un "auténtico cambalache" entre Urbaser e as dúas centrais sindicais e valoran moi negativamente o mesmo, "xa que se carga de golpe os dereitos colectivos do persoal de fin de semana".
Tras do asinamento do acordo, desistiuse da demanda por parte de UGT, e aínda que a CIG continúa adiante coa mesma, houbo que suspender o xuízo previsto para esta mañá ao non estar citadas as testemuñas propostas pola central sindical.
"Ao noso entender, este acordo vulnera de xeito flagrante os dereitos colectivos do persoal de fin de semana"
Dende a CIG-Servizos e a representación da central sindical en Urbaser (que que se encarga da recollida do lixo e a limpeza viaria do Concello de Lugo) explican que o conflito colectivo foi presentado en defensa do dereito do persoal de fin de semana a cubrir as vacantes que se produciron dende o 7 de agosto de 2014, data na que se asinou o convenio colectivo e se puxo fin a unha loita de 59 días.
Incumprimento do establecido no convenio
Segundo explican, o acordo proposto por UGT, e apoiado pola USO, concrétase nos seguintes termos:
-9 vacantes distribuídas anualmente do seguinte xeito: 4 a data de sinatura do acordo, 3 a 1 de xaneiro de 2019 e 2 a 1 de xaneiro de 2020. Así mesmo, establecer a xornada laboral das persoas que cubran as vacantes de luns a domingo e pasar o mesmo número de traballadores/as de xornada completa, que actualmente prestan servizos de luns a domingo, a prestar servizos de luns a sábado.
A representación da CIG, na procura de buscar unha saída de consenso ao conflito colectivo, propuxo aceptar as 9 vacantes coa seguinte distribución anual: 5 en 2018 (a data do acordo) e 4 a 1 de xaneiro de 2019. En todo caso, a CIG estaría en disposición de valorar a distribución anual proposta por UGT "sempre e cando o persoal que cubrira as vacantes fora o de fin de semana, pois o contrario supón un claro incumprimento do vixente convenio colectivo que foi asinado pola empresa e por todas as centrais sindicais con representación no comité e, máis importante, ratificado por unanimidade do cadro de persoal en asemblea.
Conseguir eses dereitos supuxo un enorme esforzo para o conxunto do persoal e unha folga de 59 días"
O acordo asinado supón que agora quen pasa a cubrir as vacantes é o persoal de xornada completa, que actualmente traballan de luns a domingo. "Ao noso entender, este feito vulnera dun xeito flagrante os dereitos colectivos do persoal de fin de semana", denuncia Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña.
Dereitos conquistados tras unha dura loita
"A valoración da CIG sobre o que definimos como un auténtico cambalache entre Urbaser, USO e UGT, non pode ser máis negativa, pois acaban de cargarse dun golpe os dereitos colectivos do persoal de fin de semana que tanto esforzo lle custou á totalidade do cadro de persoal de Urbaser conseguir durante a negociación do vixente convenio colectivo e que supuxo levar adiante unha folga de 59 días", denuncian.
Ademais, dende a representación da CIG entenden que tanto USO como UGT "quedan hoxe sen ningunha capacidade de esixirlle á empresa o cumprimento do convenio colectivo, cando son os primeiros que incumpren o mesmo".
A CIG-Servizos lamenta tamén "a situación de debilidade e a falta de unidade" coa que se vai a abordar a negociación do novo convenio colectivo, que toca renovar este ano. "En todo caso, a CIG como sempre seguirá defendendo os dereitos de todo o persoal de Urbaser".