UGT e USO traizoan o persoal do comercio de alimentación asinando por atrás o convenio colectivo
Este martes, a Confederación de Empresarios/as de Lugo remitía unha comunicación ás centrais CIG e CCOO -convocantes da folga do día 23- anunciando a sinatura do convenio colectivo por parte de UGT e USO, sen que se convocara sequera a comisión negociadora do convenio na que están representados todos os sindicatos.
O que se avanza nesa comunicación a respecto das condicións do acordo non cumpre o mandato da maioría das traballadoras e traballadores do sector, pois a pesar das bondades que queren vender, "a realidade, advirte a CIG, é que non se logran os obxectivos reivindicados polo persoal". Isto é así polos seguintes motivos:
- A suba salarial non é real, posto que hai que contar a existencia de salarios por baixo do SMI, que por tanto non se van incrementar nas porcentaxes anunciadas, xa que o salario está absorbido polo Salario Mínimo.
- Non se acada o complemento ao 100% no caso de IT.
- Non se atende a demanda a respecto dos sábados de calidade.
- Non se establece unha cláusula de revisión salarial que garanta o poder adquisitivo no futuro.
A CIG continúa apostando pola mobilización
A CIG continúa a apostar pola mobilización e a unión dos traballadores e traballadoras "como medio para obter unhas condicións salariais e laborais que recollan as demandas da inmensa maioría do persoal do sector". Cómpre subliñar que a última proposta da patronal -que foi mellorada desde a convocatoria de folga- "non sería tal sen todo o traballo sindical nos centros de traballo, o que demostra o potencial da mobilización".
Este acordo asinado por UGT e USO, "supón unha vendida e unha traizón á gran maioría do persoal do sector", que se manifestou de forma contundente e clara na mobilización histórica do pasado domingo en contra da sinatura do convenio. Traizón ademais realizada con escurantismo e aleivosía, "pois estamos ante un acordo ao que chegarían UGT e USO fóra da mesa de negociación, que é o órgano lexítimo para a negociación do convenio".
A CIG entende que este proceder débese a que a maioría que tecnicamente teñen na mesa "representa hoxe unha minoría no sentir das traballadoras e traballadores". De feito é a propia patronal a que publicamente "vende" o logro de ter chegado a este acordo, "que loxicamente é favorábel para os seus intereses".
Resulta lamentábel a actuación destes dous sindicatos "que conscientemente se converten en colaboradores da patronal para matar o conflito, desaproveitando unha ocasión histórica como é a unidade e o convencemento do persoal de loitar por un convenio digno que, dunha vez por todas, lle dea ao o convenio que merece".
A CIG convoca asembleas para avaliar a situación
Para avaliar a situación da negociación e acordar as medidas a levar adiante, a todos os niveis, a CIG ten convocadas as seguintes asembleas do persoal:
Mércores 21 de xuño:
- Lugo: ás 19h no salón de actos do edificio sindical
- Ribadeo: ás 16h no salón de actos do edificio sindical
- Viveiro: ás 19h no salón de actos do edificio sindical
Xoves 22 de xuño:
- Lugo: ás 11h no salón de actos do edificio sindical
- -Ribadeo: ás 10h no salón de actos do edificio sindical
- - Viveiro: ás 12h no salón de actos do edificio sindical