Respostas ás preguntas máis frecuentes sobre a Folga de Mulleres do 8 de Marzo

Para que todas as traballadoras poidan facer valer os seus dereitos
Nacional - 22 Feb 2019

Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga de Mulleres do vindeiro 8 de Marzo para que todas as traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade.

1. Cal é a miña situación laboral no día de folga?
Durante a xornada de folga, o contrato de traballo está suspendido, ficando sen efecto as obrigas recíprocas da  traballadora e a empresa: traballar e pagar o salario. Para os efectos da Seguridade Social, a traballadora permanece nunha situación asimilada á alta.

2. Canto me poden descontar pola folga?
No día de folga, descóntase a parte proporcional dos conceptos salariais e extrasalariais que correspondan a esa xornada, así como das partes proporcionais das pagas extraordinarias. O teu dereito ao goce de festivos, vacacións e descanso semanal non se ve prexudicado polo feito de ires á folga.

3. A empresa pode substituírme se vou á folga?
Non. Esa conduta denomínase esquirolaxe e é ilegal tanto nas súas modalidades externa –empregar traballadoras doutros centros–, interna –substituír as traballadora en folga por outras do mesmo centro de traballo, mediante a mudanza das súas funcións ou posto de traballo– e tecnolóxica –substitución de traballadoras por medios automáticos–.

4. Teño a obriga de comunicarlle á empresa que vou á folga?
Non, o dereito á folga faise efectivo unha vez que esta comeza. Non tes a obriga de comunicarlle á empresa se vas facer folga ou non. É máis, pedir a unha traballadora que asine un escrito manifestando a súa intención de ir ou non ir á folga é unha infracción administrativa e pódese denunciar perante a Inspección de Traballo.

5. Se asinei un papel na empresa dicindo que non vou facer folga, podo mudar de opinión?
Aínda que llo asinases con sangue. O dereito á folga é un dereito irrenunciábel e exércese no momento en que a folga comeza. O documento que asinaches non é vinculante porque vulnera un dereito fundamental.

6. Pódenme despedir ou sancionar por ir á folga?
De ningunha maneira. O dereito á folga é un dereito fundamental. En caso de sanción ou despedimento, sería considerado nulo e o empresario ou empresaria tería que reincorporarte nas mesmas condicións que tiñas.

7. E se a empresa é unha túzara e quere sancionarme ou despedirme igual?
Non asines nada. Asinar un finiquito pode implicar unha renuncia a reclamar. Ven ao sindicato de contado, porque os prazos son curtos, e dirémosche como proceder.

8. Pode calquera empresa fixar servizos mínimos?
Non. Os servizos mínimos están destinados á estrita prestación dos «servizos esenciais para a comunidade» (sanidade, educación, hixiene pública, transportes públicos, etc.) durante a folga, polo que é a Administración pública (autoridade laboral) a que estabelece en que empresas e Administracións hai que facelos e en que consisten. As empresas que non prestan estes «servizos esenciais para a comunidade» só poden impor «servizos de mantemento», destinados a garantir a seguridade das persoas e locais e o seu mantemento (instalacións, maquinaria, materias primas, etc.) cando sexa necesario, mais nunca con carácter produtivo.

9. Se me designan para os servizos mínimos e son abusivos, teño que ir traballar?
En principio, si. Non ires traballar cando es designada para os servizos mínimos pode ser motivo de sanción ou mesmo de despedimento disciplinario. Así pois, debes ir ao teu posto de traballo e recorrer xudicialmente os servizos mínimos impostos se entendes que son indebidos ou excesivos.

A CIG proporá que, dado que estamos ante unha folga de mulleres, os servizos mínimos sexan encomendados aos traballadores da empresa, garantindo así que todas as mulleres que o desexen poidan facer folga.

10. É delito que a empresa me diga que se non vou traballar o día de folga me ateña ás consecuencias?
Por suposto que o é. A folga é un dereito fundamental, polo que a coacción para evitar o seu exercicio está tipificada como delito. Se a empresaria ou empresario fai iso, debes comunicalo ao sindicato para presentarmos a correspondente denuncia.

11. Compútase o día de folga para os efectos de cálculo do absentismo laboral?
Non. Está expresamente excluído este suposto para os efectos de cálculo do absentismo laboral.

12. Teño dereito a ir á folga se son traballadora autónoma ou traballadora autónoma economicamente dependente?
Tecnicamente non. A folga é un dereito das traballadoras asalariadas. Iso non significa que como autónoma ou TRADE non poidas parar a túa actividade, mais por desgraza isto non entra no dereito fundamental á folga. Deberás valorar o que fas en función dos contratos mercantís que teñas subscritos e da relación coa túa clientela.

13. Teño dereito a ir á folga se son bolseira?
Non. É certo que hai moitas «falsas bolsas» que encobren unha relación laboral. Porén, iso deberá declaralo o xulgado e se non existe sentenza presúmese que a bolseira á unha estudante. Tes que valorar as condicións de concesión da túa bolsa para decidir se podes non asistir ese día e as consecuencias que pode ter a inasistencia.

Calquera dúbida que teñas sobre a convocatoria da folga podes consultala no sindicato. Os enderezos e teléfonos de todos os nosos locais telos na seguinte ligazón: http://cig.gal/locais.html