Quinta folga na CRTVG este venres coincidindo co arranque da campaña electoral das municipais
As traballadoras e traballadores da CRTVG teñen convocada, para este venres, a quinta xornada de folga, desta volta coincidindo co inicio da campaña electoral das municipais. Reclaman a fin dos abusos nos medios públicos galegos e adiantan que aspiran “a colocar en cada mitin, en cada debate, en cada concello, a grave situación que atravesa a radiotelevisión pública secuestrada polo Partido Popular”.
Este venres doce de maio o persoal da CRTVG secundará a súa quinta xornada de folga para pedir, como nos paros do 6, 24 e 25 de marzo e 25 de abril, o cesamento dos abusos contra as persoas traballadoras que se negan a acatar as prácticas de manipulación informativa.
O Comité Intercentros fixo coincidir esta convocatoria de folga co arranque da campaña das eleccións municipais previstas para o vindeiro 28 de maio, co obxectivo de favorecer que en cada acto electoral que se celebre en cada concello galego se difunda e se informe á cidadanía do país da grave situación que atravesan os medios públicos de comunicación de Galicia, secuestrados, en opinión da representación legal do persoal, polo Partido Popular que goberna a Xunta, que utiliza a radio e a televisión de todas con fins exclusivamente partidistas.
Mediación do Consello Galego de Relacións Laborais
Co obxectivo de resolver o conflito, o Comité Intercentros aceptou a mediación proposta por un sindicato no seo do Consello Galego de Relacións Laborais. Un intento de achegamento, que a CRTVG tamén aceptou, pero que quedou en suspenso esta mesma semana, despois de dúas xuntanzas, ao non aceptar a empresa repoñer nos seus postos de orixe a varias traballadoras que foran trasladadas de medio (da radio á tele, da tele á radio ou da radio a internet), segundo o comité de empresa, como castigo por non ser dóciles ante a dirección.
A representación legal do persoal, alertada polo alto índice de baixas médicas motivadas polo clima laboral, reclama tamén con estas mobilizacións a elaboración dun estudo psicosocial actualizado, a negociación das condicións de traballo de categorías profesionais afectadas pola renovación tecnolóxica e a recuperación de dereitos que quedaron en suspenso coa lei de medidas temporais do emprego público de 2012, que incrementou a xornada de trinta e cinco a trinta e sete horas e media.
O comité de empresa avanza que intensificará as protestas durante toda a campaña electoral con accións selectivas e mantén firme a convocatoria de folga do propio día das votacións, o 28 de maio.