“Por una CRTVG ao Servizo do Pobo” porá mesas nas rúas para iniciar a recollida de sinaturas en apoio da ILP “Liberemos a Galega”

Estarán instaladas en 16 cidades e vilas o vindeiro martes, día 22 de outubro
Nacional - 18 Out 2024

A Plataforma “Por una CRTVG ao Servizo do Pobo” anuncia que instalará mesas nas rúas de cidades e vilas galegas o vindeiro martes, día 22 de outubro, para iniciar a recollida de sinaturas en apoio da ILP “Liberemos a Galega”.

O acto principal co que arrinca a recollida de apoios terá lugar en Santiago de Compostela, ás 17:00 horas, diante da cafetería Derby.

A Plataforma fai un chamamento ás galegas e galegos a manifestar o apoio masivo a esta Iniciativa Lexislativa Popular (ILP). Denuncia o control político ao que están sometidos os medios de comunicación públicos, TVG e Radio Galega, e reclama que se poña fin á manipulación informativa, garantindo, por lei, a súa independencia.

A ILP ten como obxectivo, ademais, que a CRTVG cumpra os fins para os que foi creada: promoción e defensa da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura; garante do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social e promoción activa da igualdade. Cuestións que considera esenciais para o normal funcionamento do noso sistema democrático.