Política Social incumpriu o protocolo COVID nos máis de 200 contratos para centros de maiores da Coruña
A sección sindical da CIG da consellaría de Política Social vén de denunciar o incumprimento do protocolo de prevención da COVID-19, establecido pola consellaría de Sanidade, para as incorporacións de persoal nos centros de maiores da Coruña.
Así o explica a secretaria da sección sindical da CIG, Mar Peteira, quen lembra que nas instrucións da consellería de Sanidade referidas a centros de maiores, de menores e de persoas con discapacidade determínase que “todo o persoal que incorpore dun proceso de incapacidade temporal ou dun período de vacacións superiores a 14 días deberá solicitar ao seu médico de cabeceira que lle fagan unha proba PCR nas 72 horas anteriores á súa incorporación ao posto de traballo”.
Nestas instrucións tamén se especifica que, no caso de non ser posible a súa realización, teñen que poñelo en coñecemento da dirección do centro, que comunicará como proceder.
Do mesmo xeito, todo o persoal que teña viaxado fóra de Galiza ou a zonas consideradas de risco deberán poñer esta circunstancia en coñecemento da dirección do centro. Tanto neste caso, como no de persoal de novo ingreso, teñen que solicitar tamén a proba PCR ao seu médico de cabeceira de non a ter realizado.
Cumprimento das instrucións nos centros do IMSERSO
Peteira asegura que nos centros dependentes do IMSERSO si se solicita ao persoal de novo ingreso que efectúen a proba PCR antes de se incorporar aos postos de atención directa. A modo de exemplo sinalan o contido da nota -que aparece na imaxe- de Réxime Interior do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Fisica de Ferrol, pola que se comunica a obriga de tomar as medidas de prevención e proba do Covid-19 a todo o persoal.
Incumprimento nos centros dependentes de Política Social da Coruña
A secretaria da sección sindical da CIG de Política Social afirma que porén, estas instrucións “non se teñen levado adiante en ningún momento nos máis de 200 contratos de incorporacións de persoal procedentes das listas de contratación da Xunta, ou seleccionados directamente polas direccións dos centros de maiores da provincia da Coruña durante os meses de xullo e agosto, en categorías de atención directa a residentes como enfermaría, auxiliar de clínica ou camareiros/as-limpadores/as”.
Por iso a CIG considera que esta actuación constitúe “unha falta moi grave e unha temeridade por parte da consellería de Política Social” e demanda da consellaría que adopte as medidas oportunas e dea cumprimento inmediato das instrucións de Sanidade en todo o relativo á COVID-19, a fin de evitar o contaxio e casos positivos nas Residencias de Maiores, Centros de Menores e CAPD da Xunta de Galiza.