Persoal do comercio de alimentación clama na Coruña por un convenio provincial digno
Centos de traballadoras e traballadores manifestáronse este domingo en resposta ao inmobilismo patronal e chamaron a participar nas folgas dos días 10, 11 e 13 de outubro
Traballadores e traballadoras do comercio de alimentación manifestáronse este domingo polas rúas da Coruña para reclamar condicións laborais e salariais xustas. A mobilización forma parte do calendario de protestas acordado polas asembleas ante a situación de bloqueo que continúa sufrindo a negociación do convenio sectorial na provincia da Coruña e precede ás tres novas xornadas de folga convocadas para os días 10, 11 e 13 de outubro.
Tras meses de reunións, mobilizacións e numerosas xornadas de folga que paralizaron a actividade nos almacéns e nas tendas, non se produciron avances suficientes para chegar un acordo que permita mellorar as condicións laborais e salariais dun sector esencial que emprega a milleiros de persoas en toda a provincia da Coruña, na súa maioría mulleres.
As propostas patronais seguen sen responder ás principais reivindicacións da parte social: recuperación e mantemento do poder adquisitivo, redución da xornada anual, mellora da conciliación da vida laboral e persoal e mellora das condicións económicas e sociais do convenio. En definitiva, un convenio que recoñeza o enorme esforzo que realiza o persoal nun sector que non deixa de incrementar os seus beneficios.
Porén, nestes meses de negociación, a patronal liderada por Gadis e Froiz limitouse a trasladar unhas propostas absolutamente insuficientes en todas materias, negándose mesmo a asumir un complemento de antigüidade como o que teñen recoñecido as compañeiras e compañeiros de Pontevedra e coa pretensión ademais de competir co resto de empresas a conta de manter os baixos salarios e a elevada xornada.
Por iso, con esta manifestación queríase dar unha resposta de unidade, dignidade e forza fronte a unha patronal que teima no seu inmobilismo e unha chamada a desbloquear a negociación do convenio colectivo.
Na mobilización participaron traballadoras e traballadores procedentes de toda a provincia que saíron ao mediodía da praza traseira do CC Catro Camiños (onde está situado un supermercado Gadis) e marcharon até os Xardíns de Méndez Núñez. Alí procedeuse á lectura dun manifesto no que se relataron as condicións de traballo e como se están a desenvolver as negociacións do convenio.