Persoal de sanidade privada da provincia da Coruña improvisa un almorzo no HM Rosaleda para exixir un convenio digno
Traballadoras e traballadores da sanidade privada da provincia da Coruña concentráronse, primeiro ás portas do HM Rosaleda, en Compostela, e no seu interior despois -onde improvisaron un almorzo- en protesta pola paralización das negociacións do convenio; para exixir a retirada das propostas da patronal, que suporían un retroceso nas súas condicións laborais, e en demanda dun convenio digno.
No decurso da mobilización Ana Varela, representante da CIG, lembrou que estiveron máis dun ano de negociación do convenio sen ningún froito. “A patronal o único que puxo enriba da mesa foi quitarnos o 100% das IT e a antigüidade e despois dun ano e seis meses de folga decidiu pedir a mediación, que os sindicatos rexeitamos porque enriba da mesa a única proposta que ía era quitarnos o 100% das IT e a antigüidade”.
Nestes hospitais privados un 95% das e dos doentes que se atenden proceden da sanidade pública. Porén, o seu persoal cobra moitísimo menos que o persoal do SERGAS “tendo unha carga de traballo”, segundo Varela, “moitísmo maior” e que a carga horaria é de máis de 300 horas anuais. “Nós chegamos a facer 1.826 horas”.
O máis grave é que nestes hospitais hai xente que non está cobrando sequera o Salario Mínimo Interprofesional. “A maioría da xente non chega a mileuristas e quen máis, está cobrando entre os 1.100 -1.150€, e non pasan de aí”. Tendo en conta que se trata dun sector moi feminizado, quen está nesta situación económica precaria son, na súa inmensa maioría, mulleres que ocupan postos de auxiliares, de limpeza ou enfermería, entre outros.
Tras das organizacións sindicais rexeitar a mediación no Consello Galego de Relacións Laborais, porque só se abordarían as propostas de recorte propostas pola patronal, non se celebrou ningunha outra xuntanza da mesa, co que de facto, a negociación está paralizada.
O convenio atinxe aos establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas. As empresas que forman parte da asociación patronal lexitimada para negociar son as actuais donas dos hospitais privados e as que teñen un acordo coa Consellería de Sanidade polo que prestan un servizo á sanidade pública. Por iso se mantén a mobilización, centrada nos centros hospitalarios de Quirón, Ribera Salud e H.M.
Papel do SERGAS
O 45% do negocio destes grandes hospitais depende dos concertos co SERGAS, que deriva a doentes tanto para cirurxías como, cada vez máis tamén, para probas diagnósticas. A patronal xustifica a súa pretensión de introducir recortes de dereitos e de negar melloras no convenio argüíndo que as cantidades que reciben por eses concertos son insuficientes, que “están traballando a perdas”.
Fronte a isto, a representación sindical afirma que non é responsabilidade das traballadoras e traballadores, que estas empresa, propietarias dos hospitais privados máis grandes do Estado, asinen concertos por debaixo dos custos.
En todo caso, tamén responsabilizan ao SERGAS de non garantir condicións dignas tanto na prestación, como nas condicións laborais que ten o persoal destes centros sanitarios.
Por iso conclúen que “é indigno non chegar a fin de mes traballando máis de 40 horas semanais” e advirten que, desta volta non pararán até conseguir que esas condicións laborais dignas estean garantidas.