Persoal de DomusVi Ferrol esixe a readmisión da compañeira despedida nunha clara represalia sindical
Coincidindo coa celebración do xuízo, traballadoras e traballadores da residencia DomusVi de Ferrol concentráronse na mañá deste luns diante dos xulgados en apoio e solidariedade coa compañeira despedida e para esixir a súa reincorporación.
O comité denuncia que este despedimento obedece á política de represión sindical que se practica no grupo DomusVi, pois, lembran, a compañeira presentouse polas listas da CIG ás eleccións sindicais celebradas a finais do ano 2020. Neste senso, subliñan que non deixa de sorprender o feito de que "mentres a dirección do centro alega dificultades para atopar persoal, se dedica a despedir profesionais con anos de antigüidade".
No caso da compañeira despedida dáse o paradoxo de levar anos vinculada ao grupo DomusVi, traballando en diferentes residencias sen ningún tipo de incidencia, "mais xusto despois dunha baixa médica de longa duración, é no día da súa reincorporación cando se produce o despedimento, alegando a empresa 'baixo rendemento'".
O comité advirte que non vai tolerar "a vulneración constante dos dereitos laborais e sindicais, nin o amedrentamento que a compañía está a exercer coas compañeiras". De igual xeito, coa mobilización deste luns tamén queren denunciar a "verdadeira realidade laboral de DomusVi, que exerce a política do medo até o punto de que o persoal acaba normalizando situacións ou actitudes que atentan contra a dignidade das traballadoras e traballadores".