Persoal da CRTVG e representantes de organizacións sociais reclaman uns medios públicos “veraces, plurais e de calidade”
Persoal da CRTVG e representantes de organizacións sociais e políticas concentrábanse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, coincidindo coa celebración do Consello da Xunta, para reclamar uns “medios públicos veraces, plurais e de calidade”. Así o explicou o presidente do comité Intercentros, Tiago Alvite, quen afirmou que o que quere o persoal é que “se cumpra a Lei de Medios Públicos e que se garanta a independencia da CRTVG”, fronte unha dirección que hoxe está facendo unha xestión “sectaria e partidista da radio e televisión públicas de Galiza”.
Alvite lembrou que o persoal secundou xa catro xornadas de folga e anunciou dúas xornadas máis, os días 12 e 28 de maio, coincidindo coa apertura da campaña electoral e coas votacións para as eleccións municipais.
O presidente do comité Intercentros apuntou que está loita é tamén para denunciar “os abusos aos que están sendo sometidas as traballadoras e traballadores que precisamente son críticos coa manipulación informativa e co desmantelamento dos medios públicos”. Advertiu que seguirán defendendo a independencia da CRTVG, o cumprimento da lei de medios públicos e concluíu que “imos seguir en loita até conseguir este obxectivo”.
A prol da normalización lingüística
No decurso da concentración interveu tamén o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, quen se referiu á Iniciativa Xabarín que, como lembrou, conseguiu 33.000 sinaturas de apoio e foi aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galiza, en maio de 2021. Unha Iniciativa coa que se demandaba “algo tan simple como que os nosos nenos e nenas poidan ter debuxos animados e programación infantil e xuvenil na súa lingua”, explicou.
O presidente da Mesa lembrou que, daquela, a programación infantil en galego só estaba garantida pola CRTVG, mais hoxe, 2 anos despois, “comprobamos que esa programación infantil se reduciu e que, polo demais, a situación segue sendo exactamente igual”. Nese sentido apuntou que na programación que emiten as principais operadoras de televisión, só o 0,83% da infantil e xuvenil está en galego, cando antes era do 4%.
Xunto a isto denunciou que a CRTVG “non emitiu absolutamente nada desta Iniciativa que implicou a miles de persoas nun contexto de pandemia”. Por iso demandou que o Parlamento galego reclame á TVG “que cumpra o que se aprobou por unanimidade hai dous anos, e non por petición da mesa, senón de centos de entidades, pero sobre todo de miles de galegas e galegos que teñen dereito a que o que asinaron se cumpra”.
Marcos Maceira sinalou que a Mesa pola Normalización Lingüística levou esta mesma Iniciativa a Estrasburgo hai 15 días, onde tiveron unha comparecencia no intergrupo de Linguas Minorizadas para que a Iniciativa Xabarín “saia adiante tamén no que ten a ver coa Directiva Europea do Audiovisual e se garanta unha presenza mínima do galeo e de todas as linguas minorizadas de Europa no conxunto do audiovisual”.
O presidente da Mesa concluíu que “a televisión pública, a que pagamos todas e todos nós, a única que ten como misión fundamental dar a posibilidade de acceso á lingua e a cultura galega nos medios públicos, -mais tamén a TVE, na medida en que é unha televisión que pagamos todos e todas se debe corresponsabilizar con esta Iniciativa- ten que garantir o cumprimento do acordo parlamentario.
Agardou ademais que o vindeiro martes, data na que se vota o Informe da Directiva Europea do Audiovisual poida avanzar dalgunha maneira nestas iniciativa porque “non pode ser que, en pleno ano 2023, as nenas e nenos de Galiza non teñan oportunidade de ver absolutamente nada en galego na súa propia televisión”.