Persoal da CRTVG concéntrase diante do Parlamento coincidindo coa comparecencia de Sánchez Izquierdo
Traballadores e traballadoras da CRTVG concentráronse esta mañá diante do Parlamento de Galiza, coincidindo coa comparecencia do Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo na Comisión de Control parlamentario. A mobilización insírese no marco das protestas e convocatorias de folga que está a levar a cabo o comité intercentros da Corporación.
No decurso da concentración o presidente do comité intercentros, Tiago Alvite reiterou as denuncias que veñen facendo por unha situación laboral “marcada pola marxinación profesional, o trato degradante, a denegación de dereitos, as sancións e a represión sobre persoas críticas coa manipulación informativa e o desmantelamento da CRVG”.
A este respecto, Alvite denunciou os traslados forzosos de medios de traballadoras “como medida de castigo” que considerou que son a manifestación máis recente dunha situación que cualificou como “insostíbel” de abusos laborais aos que queren poñer fin.
Por iso defendeu a “dignidade das persoas traballadoras que reclaman a obxectividade, a imparcialidade, a veracidade e o pluralismo dos nosos medios públicos”.