O siderometal ourensán convoca protestas tras a ruptura das negociacións do convenio provincial
O sector do siderometal de Ourense decidiu convocar mobilizacións tras a ruptura das conversas para renovar o convenio colectivo provincial. As centrais consideran insuficiente a proposta de incremento salarial da patronal xa que os traballadores/as levan cos soldos concelados dende hai cinco anos.
Os sindicatos CIG, CCOO e UGT convocaron onte unha asemblea conxunta con empregados/as do sector na que se analizou a última proposta achegada polo empresariado o pasado 1 de xuño e que contempla unha suba salarial do 2,75% e un día libre, ou do 3% sen día libre. “Diante disto decidimos levantarnos da mesa, xa que consideramos insuficiente este incremento cando os soldos levan cinco anos conxelados”, explica o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez.
No encontro participaron arredor dun cento de traballadores/as do siderometal ourensán, que logo dun intenso debate acordaron promover mobilizacións coincidindo coas xornadas de folga convocadas no sector da provincia da Coruña os vindeiros 27 de xuño e 5 de xullo. Nos vindeiros días concretarán tanto a organización como o desenvolvemento destas protestas para reclamar un convenio colectivo xusto.