O seguimento masivo da terceira xornada de folga pecha supermercados e almacéns de Gadis e Froiz
O persoal clama contra o bloqueo da negociación do convenio na provincia da Coruña
A terceira xornada de folga no sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña rexistrou un seguimento masivo por parte do persoal e a práctica totalidade das traballadoras e traballadores secundaron o paro tanto nas tendas como nos centros loxísticos.
Na Coruña, tanto a manifestación celebrada na cidade como o seguimento da folga superaron a participación da convocatoria anterior. Segundo explica Roberto Pérez Vila, da CIG-Servizos, en loxística, no almacén principal de Gadis en Piadela apenas entraron tres ou catro persoas, entre persoal temporal e alumnado en prácticas. Unha situación que impediu sacar adiante o traballo habitual. Ademais, nas instalacións de Pescarmar, encargadas da distribución de peixe para case toda Galiza, non se chegou a abrir nin nesta xornada, nin na anterior.
Respecto dos supermercados, Pérez Vila denunciou que tanto Gadis como Froiz deron instrucións para abrir os establecementos “si ou si”, mesmo co mínimo persoal posible. Porén a actividade mantívose, baixo mínimos, fundamentalmente grazas a encargados, encargadas e persoal temporal, mentres que os traballadores e traballadoras con máis antigüidade secundaron a folga de forma xeneralizada.
Onde si permaneceron os establecementos completamente pechados, tanto de Gadis como de Froiz, foi no centro da cidade, por falta de persoal. Nos locais que abriron, houbo seccións pechadas e carteis informando da falta de persoal, quedando en moitos casos unicamente caixeiras con escaso tempo de contratación para atender a actividade.
Para a CIG estes datos confirman o amplo respaldo co que conta a folga e evidencian o malestar existente no sector, diante da negativa das empresas a atender as reivindicacións laborais do persoal.
Intento de boicoteo en Ferrol
Na comarca de Ferrol tamén cualificaron como “todo un éxito” a xornada. Pecharon os principais centros loxísticos tanto nas Pontes como en Ferrol e Narón. Os centros máis grandes, como o GADIS do Polígono de Vilar do Colo, o GADIS de Freixeiro e o GADIS de Catabois, os máis salientables, non tiveron afluencia ningunha.
Segundo explica Beatriz Fernández, secretaria comarcal da CIG-Servizos, “a xente entendeu perfectamente por que faciamos o labor de piquetes informativos e non entrou a marcar ninguén. No GADIS das Pontes, pechouse. Saíron todas as traballadoras e os traballadores”.
Tamén a manifestación foi un éxito, malia quedar xente de retén nos piquetes, para evitar que entrara clientela a mercar. Por iso Fernández considera que a folga tivo un seguimento masiva, malia os intentos de GADIS e Froiz de boicotearla.
A este respecto, a secretaria comarcal afirma que “sabemos que houbo movementos de traballadoras que encubriron como reforzo do personal de verano. Persoal eventual que non lle serviu absolutamente de nada, máis que para perder cartos”.
Xunto a isto denuncia que GADIS fixo un “labor brutal de acoso e derribo ás delegadas e ás traballadoras afins aos sindicatos”, pero aínda así, non conseguiron o seu obxectivo.
Todo pechado en Compostela
Na comarca de Compostela, a representante de CIG-Servizos, Lucía Freire, cualificou a xornada de “moi positiva” porque permaneceron pechados todos os supermercados Gadis e Froiz da zona. De feito cuantificou o seguimento da folga nun 90% en ambas as cadeas.
Freire valorou tamén a decisión de suspender a manifestación prevista para as 12:00 horas, porque contribuíu a impedir que as empresas puideran reabrir os establecementos unha vez rematados os actos de protesta. Neste sentido, sinalou que os supermercados que permaneceron abertos ou intentaron abrir, especialmente no caso de Gadis, rexistraron unha actividade comercial mínima.
Na Costa da Morte repetiuse esta situación cos hipermercados de Gadis e Froiz pechados e mesmo en Cee conseguíuse pechar o supermercado de Gadis. O mesmo ocorreu en Ribeira, onde Fran Rei, secretario da Unión local das Rías, cuantificou o seguimento da folga nun 90%, cunha participación de máis de 200 persoas nos piquetes, co que se conseguíu pechar o Froiz de Boiro e onde outros abriron sen apenas persoal.
Rexeitamento unánime ao bloqueo da negociación
Para a CIG-Servizos esta resposta maioritaria á convocatoria evidencia o rexeitamento unánime das traballadoras e traballadores ao bloqueo no que Gadis e Froiz manteñen a negociación colectiva e ás propostas de miseria que non garanten o mantemento da capacidade adquisitiva, non melloran as condicións laborais nin permiten avanzar nos dereitos sociais.
E isto malia nos últimos anos as empresas estar batendo récords de facturación e obtendo beneficios millonarios, mentres o seu persoal se empobrece e ve como empeoran as condicións laborais nun sector altamente feminizado, con elevadas xornadas parciais e unha sobrecarga de traballo continúa.