O persoal do metal e do comercio de metal de Lugo manifestarase o domingo 23 para exixir convenios dignos
O próximo domingo, 23 de abril, os traballadores e as traballadoras do metal e do comercio do metal de Lugo están convocados/as a unha gran manifestación que sairá do edificio sindical ás 12 horas. Deste xeito, as centrais sindicais CIG, CCOO e UGT cumpren o mandato das asembleas convocadas ao longo da provincia nas últimas semanas, que contaron cunha elevada participación e nas que se analizaron as medidas a tomar en resposta á paralización a finais de febreiro da negociación dos convenios de ambos convenios.
"Unha vez analizada a derradeira oferta da patronal as conclusións son claras: a subida salarial é claramente insuficiente, a revisión anual ao IPC é irrenunciábel nun escenario de IPC desbocado, ao igual que o pago dos atrasos correspondentes", subliñan nun comunicado conxunto.
Explican que o conseguido nos 14 meses de negociación, limitouse á regulación do texto do convenio e "algunha migalla" en canto a dietas, póliza de convenio e plus de dispoñibilidade, non asumindo a patronal ningunha outra reivindicación da parte social, tal como plus de traballo a quendas, complemento de IT calculado sobre a base de cotización, permisos para acompañamento de fillas/os menores e familiares convivintes etc.
Intensificar a mobilización até a convocatoria de folga
As tres organizacións sindicais recalcan que das asemblea de persoal saíu un mandato unívoco: intensificar a mobilización até a folga, se é necesario, para demostrarlle á patronal que o sector se está a mover despois de anos de “paz social”. "Estamos en disposición de seguir o camiño de Ourense e da Coruña, que tiveron que convocar folgas cun alto seguimento, grazas ás que acadaron avances claros nos seus convenios.
Nese contexto é no que se produce a convocatoria desta manifestación, "como derradeira oportunidade para que a patronal, pechada na súa última oferta, recapacite. Se non hai cambios, convocaremos folga no sector do metal da provincia de Lugo de forma inminente, retrotraendo as reivindicacións ao inicio da negociación, dado que se os traballadores e traballadoras teñen que asumir os custes dun conflito, o escenario cambia radicalmente".
Para defender as demandas sociais e denunciar a actitude inmobilista da patronal, nun momento de medre imparábel do custe da vida, as centrais CIG, CCOO e UGT chaman a todas as traballadoras e traballadores do siderometal e do comercio do metal a participar na manifestación do próximo domingo, en demanda duns convenios dignos e unhas condicións xustas.