O persoal de Lidl, Navantia e GT Motive une as súas loitas nunha demostración de forza da clase obreira
Os traballadores e as traballadoras do almacén de Lidl en Narón, o persoal de Navantia Ferrol e o persoal de GT Motive de Pontedeume confluíron nas súas loitas este xoves nunha gran manifestación que percorreu a Estrada de Castela ao berro de "este conflito ímolo gañar". A marcha rematou cunha concentración ás portas da delegación da Xunta de Galiza na que un representante de cada unha das empresas explicou os motivos da súa loita.
O persoal destas tres empresas leva meses en conflito e neste xornada confluíron nun exemplo de unidade e forza da loita obreira. Aínda que cada colectivo tiña súa propia mobilización convocada e con saída nun punto diferente (o persoal de Lidl e GT Motive dende HiperFroiz e o de Navantia dende as portas do estaleiro de Ferrol) os traballadores e traballadoras confluíron no Polígono das Gándaras de onde saíron en manifestación.
Para o persoal do naval e do almacén de Lidl, o punto de encontro foi a tenda da cadea alemá. Alí, os traballadores e as traballadoras de Navantia, que chegaron en primeiro lugar, recibiron cun intenso aplauso ás compañeiras e compañeiros da plataforma loxística que levan preto de 90 días en folga indefinida.
Despois dun anaco coreando consignas relativas á vulneración do dereito á folga practicado por Lidl e as precarias condicións laborais, o persoal arrancou en manifestación ocupando ambos sentidos da estrada FE13. Á altura da rotonda da Trinchera, sumáronse á marcha os traballadores e traballadoras de GT Motive, que tamén foron recibidos con aplausos e vítores. Dende alí, a manifestación continuou por toda a estrada de Castela até rematar na porta do edificio da Xunta en Ferrol.
O persoal de Lidl, case tres meses en folga
Cómpre lembrar que os traballadores e as traballadoras do almacén loxístico de Lidl levan en folga case tres meses para reclamarlle á multinacional que cumpra co seu propio convenio colectivo.
A mobilización deste venres tivo un especial significado para o persoal xa que na véspera o xulgado do Social notificou a sentenza pola que lles dá a razón e condena a Lidl Supermercados por vulnerar o dereito fundamental á folga. Ademais, a resolución bota por terra as acusacións da compañía de alimentación que dende o inicio sostivo que a convocatoria era ilegal.
"Seguimos loitando e coa sentenza aínda con máis forza", subliñaba o secretario do comité, Hugo Fernández, quen agarda que agora a empresa sente negociar "e escoite as nosas demandas, porque xa non teñen escusa para non escoitar as máis de cen familias que levan dende o 14 de febreiro esperando na porta a que atendan as nosas reivindicacións que non son outras que Lidl cumpra o convenio".
Fernández referiuse ao enorme esforzo económico e psicolóxico ao que están sometidos os traballadores e as traballadoras durante todo este tempo, mais puxo en valor a capacidade de resistencia do persoal "fronte a actitude chulesca e prepotente da empresa".
Neste senso, Cristina Martínez Padín, da Executiva da CIG-Servizos Ferrol, salientou que a representación social leva máis de dous anos presentando denuncias na Inspección de Traballo pola sobrecarga de traballo, pero a empresa nunca deu solucións e por iso houbo que iniciar a folga.
Folga por un incremento salarial digno en GT Motive
Pola súa banda, o persoal de GT Motive leva dende febreiro con mobilizacións e folgas para reclamar un incremento salarial digno que permita paliar a perda de poder adquisitivo acumulada nos dous últimos anos e reverta o empobrecemento dos salarios "despois de anos e anos de precariedade".
Porén, denuncia o delegado da CIG, Miguel Huguet, a empresa négase a asumir un incremento digno, malia atoparse nunha situación económica positiva. "O que pretende é perpetuar a perda da capacidade adquisitiva que temos, de polo menos un 10%".
Pero o persoal non está disposto a renunciar a unha suba xusta, máis aínda neste momento de prezos disparados e medre imparábel do custe da vida, polo que acordou intensificar as mobilizaciónse e ir a unha folga indefinida a partir do próximo 22 de maio.
"Continuaremos loitando até que a empresa traslade unha proposta de incremento salarial digna, porque os traballadores e traballadoras non chegan a final de mes", afirmou Huguet. Apunta que GT Motive é unha empresa tecnolóxica e hai unha gran diferenza de salarios entre a xente que é informática (por negociacións individuais) e o resto. Por iso, aclara, "o que tratamos de facer é unha negociación colectiva e que haxa melloras para o conxunto do persoal".
Convenio digno e investimentos en Navantia
Os traballadores e traballadoras de Navantia teñen aprobado un novo calendario de accións en demanda dun convenio colectivo digno, para reclamar investimentos que garantan o futuro dos estaleiros, un plan de emprego acorde ás necesidades das instalacións e que se acelere o proceso de incorporacións xa pactado e non cumprido.
O secretario da sección sindical da CIG, Pepe Teixido, aclara que o convenio caducou hai xa máis dun ano pero nas negociacións a empresa mantén unha postura inflexíbel ante as demandas da parte social, como a recuperación do poder adquisitivo perdido, saídas para o persoal despois dos 60 anos, que o persoal que se incorporou no último plan de emprego teña as mesmas condicións, un sistema de promocións etc.
"A pesar de que a mesa se está reunindo, o convenio non está avanzando e Navantia non está presentando tampouco ningunha alternativa de plan industrial para o futuro da empresa, e moito menos para garantir o futuro do naval público nesta comarca. Seguimos pendentes de que se cumpran os investimentos comprometidos e a día de hoxe o único que temos é o contrato das fragatas que se están comezando, pero coas vellas instalacións", advertiu.
Diante desta realidade, apunta Teixido, "a fábrica de Ferrol decidiu que había que mobilizarse". Deste xeito, ás mobilizacións xa realizadas nos meses pasados, súmase un novo calendario que comezou cunha asemblea e un paro de tres horas, segue coa manifestación conxunta deste venres e aínda están pendentes de concretar outras dez horas en accións reivindicativas.
O calendario rematará cun peche nos estaleiros o día 25 para despois saír en marcha até o Concello de Ferrol, coincidindo coa celebración do último pleno da lexislatura e na idea de que se trate unha moción sobre a situación do estaleiro.