O persoal da sanidade privada sairá á rúa pola negociación dun convenio que dignifique as súas condicións laborais

CIG, CCOO e UGT convocan unha manifestación ás 19:30 horas, con saída do Hospital da Esperanza
Nacional - 11 Xan 2024

Representantes da CIG, CCOO e UGT na sanidade privada compareceron este xoves en rolda de prensa para anunciar a convocatoria dunha nova manifestación o venres, día 12 de xaneiro, ás 19:30 horas, con saída diante do Hospital da Esperanza e remate no hospital da Rosaleda. Desde os sindicatos fixeron un chamamento a mobilizarse tanto ao persoal como a cidadanía para que apoie as súas demandas.

Segundo explicou o representante da CIG, Miguel Tizón, o motivo da manifestación é a negociación do convenio provincial da Coruña da sanidade privada. Un convenio que caducou a finais de 2022, e que levan desde aquela negociando.

Porén, explicou, tiveron que comezar as mobilizacións xa a finais de setembro “por mor da ridícula e miserenta oferta que nos fixera a patronal” que, ademais de non atender as súas demandas intentou condicionar, mesmo coa chantaxe de que renunciáramos a cousas xa conseguidas, como é a actual redacción dos trienios ou do cobro das baixas”.

En concreto, a patronal ofreceu unicamente subir até o mínimo legal o salario do persoal que menos cobra a cambio de que renunciaran ao que cobran actualmente por antigüidade ou que deixaran de cobrar o 100% en caso de baixa médica.

Suspensión das negociacións

Tizón denunciou que, desde aquela e malia as numerosas mobilizacións feitas, “a resposta da patronal non foi outra que suspender a negociación coa escusa do acordo de formación do novo goberno, no que se falaba dunha nova xornada a nivel estatal ou dun novo salario mínimo”.

Así as cousas, desde o mes de outubro non teñen novas da patronal. Malia isto, o pasado luns, día 8 de xaneiro, a representación sindical remitiu un recordatorio tanto a patronal, para que sente de novo a negociar, como a SERGAS, para que a presione. Escrito ao que recibiron como resposta que se lles enviaría “algo esta semana, pero a esta altura aínda non recibimos nada”.

Por iso, explicaron que se viron abocados a convocar esta nova manifestación e xa adiantaron que irán novamente á folga, cunha xornada de folga parcial o 24 de xaneiro e outra de xornada completa o 7 de febreiro, ademais dun calendario de mobilizacións que irán anunciando no seu momento.

Demandas

O que demandan é un incremento salarial acorde ao custo da vida porque son as e os traballadores cos salarios máis baixos “do mundo laboral”. Nese sentido, na propia rolda de prensa afirmaron que o persoal de limpeza, por exemplo, ten un salario de 840€ ao mes, por debaixo do mínimo legal e que, no seu conxunto, son “mileuristas”.

Reclaman, canda isto, a redución da xornada anual, porque tamén neste aspecto é o persoal que máis horas anuais traballa dentro do sector sanitario, máis que na provincia de Pontevedra, máis que no Hospital de Povisa e mesmo 200 horas máis que no SERGAS.

Segundo os datos proporcionados, o persoal do sector, na provincia da Coruña, é de 4.000 persoas aínda que segundo os seus cálculos sería polo menos do dobre. Ademais, o convenio non afecta só ás grandes empresas, HM, Quirón ou Ribera Salud, senón tamén a clínicas dentais, de estética ou de fisioterapia. Centros nos que entenden que o persoal está máis indefenso e para o que é máis importante contar cun convenio que permita blindar unhas condicións laborais e salariais dignas.