O persoal da limpeza de Lugo decide o venres en asemblea se acepta a proposta do mediador ou activa a folga
As traballadoras e traballadores da limpeza da provincia de Lugo realizarán unha asemblea o vindeiro venres, 7 de abril, para valorar se a proposta a presentada onte "in extremis" polo mediador é suficiente ou se pola contra activan a folga -agora suspendida- para esixir á patronal un convenio que recolla melloras salariais e sociais.
A proposta do mediador chegou logo de sete horas de reunión, a exposición de varias proposicións por ambas partes, e a piques de rachar a mesa ante o inmobilismo da patronal, nomeadamente na cuestión económica. Hai que subliñar que o convenio da limpeza de Lugo é o que contempla as retribucións máis cativas de toda Galiza e está, por exemplo, uns 500 euros/ano por debaixo do de Ourense.
Na oferta coa que o mediador pretende pechar con acordo e evitar o conflito no sector, mantense a conxelación salarial para 2015, un incremento do 0.5% (con atrasos dende xullo) para 2016; unha suba do 1.25% para 2017; e do 1.75% para 2018.
Na asemblea que terá lugar o venres (data tope para comunicar a posición de cada unha das partes), ás 10:30 horas, o persoal deberá analizar e decidir se considera suficiente a proposta para a sinatura do convenio ou se, polo contrario, entende que hai que defender o convenio facendo efectiva a folga convocada no sector, e suspendida dende o pasado día 29 de marzo, ao estar aberta a negociación.