O persoal da limpeza acepta a proposta do mediador, pero aclara que só asinará o acordo nos termos expostos
A asemblea de traballadoras e traballadores do sector da limpeza de Lugo aceptou a proposta presentada "in extremis" polo mediador de cara a pechar un acordo para a sinatura do convenio provincial. A proposta foi aprobada co 70% dos votos do persoal que asistiu á asemblea, celebrada na mañá deste venres.
A posición da parte social será trasladada na xuntanza prevista para a tarde do luns 10 de abril, coa patronal e o mediador, na que se coñecerá tamén a decisión adoptada polo empresariado. En calquera caso, a asemblea deixou ben claro que só se asinará acta de acordo nos termos expostos polo mediador e non entrará a valorar outras contra-ofertas.
Do contrario, explicou Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo, as traballadoras e traballadores activarán a folga (que agora está en suspenso) a partir do 18 de abril. "Mais de darse esa situación, a folga non se desenvolverá para negociar un convenio en base a proposta do mediador ou a calquera outra xa presentada na mesa de negociación. Se hai que ir á folga a reivindicación será lograr a equiparación co convenio da limpeza de Ourense a dous anos", aseverou.
Así as cousas, haberá que agardar até o luns pola tarde para coñecer se hai acordo para o convenio ou se pola contra comeza unha nova etapa dun conflito que se prolonga dende hai meses.