O persoal da construción de Lugo está entre o peor pagado de todo o Estado español
O convenio estatal da construción fixa unhas cantidades salariais mínimas para o sector. Porén, a postura de CCOO, UGT e patronal de negarse a negociar e a acordar ningún tipo de melloras sobre o acordo estatal, como si se está facendo noutras provincias, "condena os traballadores e traballadoras da provincia de Lugo a estar entre os peores pagados do Estado español e ver como as distancias con Pontevedra, A Coruña e Ourense son cada día máis grandes", denuncia o secretario comarcal da Federación de Construción e Madeira da CIG, Afonso Losada.
Comparativamente, indica que en Pontevedra se cobran 1980€ máis ao ano que en Lugo, na Coruña 1119€ máis e en Ourense 849€ anuais máis.
"Cun convenio que se atopa entre os máis baixos do Estado español non é posíbel facer o sector atractivo para os traballadores e traballadoras", lamenta Afonso Losada, que opina que para atraer traballadores ao sector, diante da demanda actual, "non serven só as lamentacións en medios e hai que avanzar en condicións de traballo, seguridade e condicións económicas".
Neste senso, engade que esta situación podería mudar de atendérense algunhas das propostas que dende a CIG se trasladaron á mesa de negociación, como un incremento do 6,5% que compense a perda de poder adquisitivo do ano 2021 (-4,5%) de xeito inmediato e unha cláusula de revisión salarial que asegure o IPC en cada ano de vixencia do convenio, ao igual que ocorre en Pontevedra, "onde a maioría absoluta da CIG nas eleccións sindicais, se traduce en convenios que superan o estatal con creces e permitiu que os traballadores e traballadoras cobraran este ano 676,34€ de atrasos pola cláusula do IPC".
Mentres tanto en Lugo, "nin atrasos nin incremento polo de agora, coa que está caendo. E iso, que levan dende o verán “vendendo” o incremento do 3%", di Losada.
Propostas da CIG
Entre as propostas da CIG para o novo Convenio figuran que se atenda as singularidades do sector da Conservación en canto a horarios, gardas ou á perigosidade que conleva traballar a pé de estrada con tráfico rodado ao seu carón.
O aumento do prezo das horas extras, a actualizacións das dietas e das pólizas de seguros, a introdución da xornada continua de verán onde sexa posíbel, a mellora retributivas nas baixas ou a recuperación do artigo que obrigaba a que o salario base do convenio non fora inferior ao salario mínimo interprofesional, eliminado no derradeiro convenio, son algunhas das propostas que completan a plataforma reivindicativa da CIG.
Nestes momentos, a negociación está parada “á espera de que UGT e CCOO entreguen a súa proposta negociadora para este ano” (a CIG xa a entregou na reunión do 17 de outubro) e de que se aclare a verdadeira razón do atraso: a aplicación do Plan de Pensións do sector aprobado no Convenio estatal sen que houbera normativa básica que o regulase, polo que non saben como aplicalo".
Un plan de pensións "que se levará o 1% do incremento pactado para o ano 2022 que se saca das cotizacións dos traballadores/as para privatizalo, nun novo ataque ao sistema público de pensións avalado por UGT, CCOO, a patronal e o Goberno, coa nova reforma laboral que pactaron", remata o responsábel federativo da construción da CIG.