O comité de Vitrasa impugna o ERTE que afecta aos 280 condutores/as porque incumpre a lexislación
O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, decidiu impugnar o ERTE presentado pola empresa e que afecta aos 280 condutores/as ao considerar que incumpre a lexislación. Ademais, dende a representación do cadro de persoal tildan de “chapuza esaxerada” a aplicación da medida.
A representación do cadro de persoal remitiulle un informe desfavorable sobre o ERTE á delegación provincial da Consellaría de Emprego ao entender que non existe xustificación para aplicar o procedemento de forza maior, o que se traduce na supresión do período de consultas, e na non emisión dun informe xustificando documentalmente a repercusión do estado de alarma na actividade da empresa.
En consecuencia, o comité solicitou constituír unha comisión negociadora que acordase os termos do ERTE, así como abrir un período de consultas cos representantes legais dos traballadores/as, “solicitude que en ningún momento foi contestada pola dirección”, segundo explica o presidente do comité, Imanol Arnoso, da CIG.
Outra das cuestións recollidas no informe ten que ver con que na documentación entregada por Vitrasa para xustificar a aplicación do ERTE por causas de forza maior “non consta como xustificación a realización nas empresas de transporte de viaxeiros por estrada de competencia autonómica ou local que estean sometidas a contrato público, como neste caso”.
Ademais, incídese en que o Concello de Vigo non deu instrucións o día 15 de marzo de reducir o servizo un 50%, como expón a empresa na documentación achegada.
“Chapuza esaxerada”
Por último, na documentación tamén se indica que se achega unha planificación dos servizos dos próximos 15 días, que non consta entre a documentación entregada a pesares de que o comité solicitou un calendario co persoal e cos servizos que se ían a realizar durante a vixencia do ERTE, que non foi entregado pola empresa.
Por outra banda, o presidente do comité cualifica de “chapuza esaxerada” a aplicación do ERTE, xa que se está afacer en días alternos."Traballas un día, e vas outro de ERTE; logo unha semana de ERTE, e volver traballar un día e outro non". Para a representación do persoal o normal tería sido aplicalo todo seguido, traballar por exemplo unha semana seguida e outra non. Por todo iso, instan a Consellaría a rexeitar o ERTE.