O Comité de Empresa denuncia o uso fraudulento do ERTE en Tralusa
A empresa concesionaria do transporte urbano de Santiago, a UTE TRALUSA, do grupo Mombus, vén de presentar un ERTE que afecta a 28 traballadores e traballadoras. A empresa adoptou esta medida unilateralmente sen contar coa representación dos traballadores e traballadoras pese a terse comprometido a non facelo. Ademais, segundo Comité de Empresa incorre nun fraude á Seguridade Social, o que xa foi denuciado na Inspección de Traballo.
O mesmo día en que se decretou o estado de alarma, a representación sindical solicitou unha reunión do Comité de Seguridade e Saúde para que se reavaliaran os postos de traballo e se definiran as medidas concretas para protexer ao persoal considerado como especialmente sensible ao covid-19 segundo o listado do Ministerio de Salud (por patoloxías concorrentes, idade superior a 60 anos ou gravidez) de tal maneira que lles fora adaptado o seu posto de traballo, ou no caso de non ser posíbel, se lles concedera unha licencia retribuída.
Posteriormente, por instrución do Ministerio de Saúde, estableceuse que ese persoal especialmente sensible ao risco tería que ser revisado pola mutua e derivado á Seguridade Social, que lles daría unha baixa por enfermidade común pero asimilable a efectos económicos coas continxencias profesionais. Novamente, segundo Javier Taboada, presidente do comité de empresa "volvemos dirixirnos á empresa para que tomaran esas medidas de imediato, algo que aínda non ocorreu a día de hoxe".
Curiosamente, afirma "en vez de facer iso presentan un ERTE e como mínimo 21 dos 28 traballadores que están incluídos no ERTE están nesta situación de risco" polo que desde o Comité de Empresa consideran que, de ser aprobado, estaríase actuando de xeito fraudulento porque Tralusa estaría trasladando os custes empresariais á Seguridade Social.
Javier Taboada denuncia que "no ERTE os traballadores/as cobrarían un 70% da súa base reguladora, que ademais está topada, e a empresa aforra un 75% das cotizacións, cando no caso de ser unha baixa por enfermidade común asimilable ás continxencias profesionais, cobrarían o 75% da base reguladora máis o 20% de aportación empresarial que prevé o convenio colectivo, e a empresa sería responsable da totalidade das cotizacións".
Mantéñense as asignacións nas contratas municipais
O comité de empresa dá conta ademais de que teñen coñecemento de que en Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobouse que, por motivo do covid-19, non se reduciran as asignacións económicas nas contratas municipais. Por iso Taboada denuncia que "isto é escandaloso xa que, de ser así, constituiría un enriquecemento ilícito por parte de TRALUSA", xa quen a pesar de terse rebaixado as frecuencias dos buses, isto non supón unha perda de ingresos por parte da empresa.
O comité lembra que "nos orzamentos municipais de 2020 constan 4.960.527,76 euros para o transporte urbano”. A iso súmase a asignación ao Plan Comarcal de Transporte por parte do Concello de Santiago de 25.990, 42 euros e que a sociedade municipal Tussa, que xestiona o transporte urbano, ten outro informe polo que pagará 438.408 euros de subvención ao transporte colectivo urbano interior para o 2020." denuncia Tabaoada
Matizan ademais que nesta nesta empresa estaba en curso unha negociación para adaptar os cuadrantes de traballo e compensar horas extras tras unha intervención da Inspección de Traballo por unha denuncia da CIG. Agora dáse a circunstancia, tal e como foi alegado diante da Consellería, de que o persoal que permaneza traballando vai ter que seguir facendo xornadas superiores ás que fixa o convenio colectivo.
Xunto a isto denuncian “mala fe negociadora”, toda vez que o responsable da empresa se tiña comprometido verbalmente co presidente do comité de empresa en que non se ían a acoller a ningún tipo de ERTE.
Mala fe negociadora
O Comité de Empresa (composto por 3 delegados/as da CIG e 2 da UGT) tomou o acordo, por unanimidade, de presentar alegacións diante da Autoridade Laboral e da Inspección de Traballo denunciando todas estas irregularidades e solicitando que non fora convalidada a medida solicitada pola empresa.
Consideran gravísimo "que esta empresa, sempre beneficiada nesta concesión, á mínima de cambio teña deixado na estacada aos traballadores e traballadoras" xa que “a pesar de que aforran o pago de salarios e lles pagamos todos o 75% da cotización á Seguridade Social, non estableceron na solicitude de ERTE ningunha medida de complemento salarial para que os traballadores se viran menos prexudicados”.
Desde o Comité de Empresa piden a intervención do Concello de Santiago, a quen Tralusa tampouco informou da medida para que se investigue o fraude.