Manifestación histórica do metal de Lugo na terceira xornada de folga
Histórica foi o cualificativo máis escoitado durante a manifestación que este xoves percorreu boa parte da Avenida da Coruña en Lugo, coincidindo coa terceira xornada de folga no siderometal e no comercio do metal en demanda duns convenios dignos. A marcha, que saiu da Medusa e rematou diante da CEL, non deixou indiferente a ninguén ao seu paso e constitúe unha reposta tallante do persoal á última proposta da patronal: "non nos vale".
"A patronal fixo un pequeno movemento, subiu 200 euros o pago dos atrasos de 2022, pero esta cantidade non é suficiente porque aínda faltaría un 35% do salario por cubrir. Con esta oferta só estarían pagando o 65% dos atrasos que corresponden, pero é que tampouco queren pagar as revisións polo IPC", explicou Afonso Losada, da CIG-Industria de Lugo-A Mariña.
Reiterou que a patronal "ten que darse conta de que os salarios do seu persoal teñen que subir. Non poden ser os traballadores e as traballadoras quen paguen esta crise, unha vez máis".
Malia estaren xa convocadas cinco xornadas de folga (para os días 31 de maio, 2, 6, 7 e 8 de xuño), non está prevista nova reunión da mesa, aínda que as partes quedaron emprazadas a seguir negociando.
Losada denunciou a actitude desleal dalgunhas das grandes empresas que xa comezaron a aplicarlle ao seu persoal os incrementos retributivos e a pagarlle os atrasos que negan para o convenio, co claro obxectivo de desmobilizar e desactivar a folga. "Hai catro ou cinco empresarios presentes na mesa que teñen secuestrado o sector e están bloqueando a negociación, prexudicando con esta actitude desleal tanto ao persoal como ás empresas máis pequenas que sofren as consecuencias da folga", apuntou.
Na súa intervención ao remate da manifestación diante da sede da patronal de Lugo, o representante da CIG-Industria puxo en valor a multitudinaria participación que rexistrou este xoves tanto nos piquetes como na manifestación, evidenciando deste xeito que a folga está máis que consolidada.
"A resposta dos traballadores e das traballadoras está sendo excepcional, a altura do conflito que temos enriba da mesa", subliñou. E neste sentido, Losada chama a continuar na loita até conseguir un convenio de siderometal e do comercio do metal dignos para a provincia de Lugo, que garantan o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e que melloren as condicións laborais.