Éxito rotundo da primeira xornada de folga no metal da provincia da Coruña por un convenio digno
A primeira das catro xornadas de folga convocadas no metal da provincia da Coruña está rexistrando un seguimentos masivo, con practicamente todas as grandes empresas do sector sen actividade. Para visibilizar o rexeitamento ás pretensións patronais de recortar dereitos e reclamar melloras nas condicións laborais e salariais, milleiros de traballadores e traballadoras manifestáronse na Coruña, Ferrol e Compostela, nunha demostración da disposición do sector a loitar por un convenio digno. Os paros repetiranse os días 12, 18 e 19 de maio.
Imaxes das mobilizacións na Coruña, Ferrol e Compostela
A actividade dos piquetes comezou xa ás 22:00 horas do mércores, coincidindo coa entrada da quenda naqueles centros de traballo que contan con xornada nocturna. Por volta das 05:30h, os distintos grupos de piquetes informativos comezaron o percorrido polos polígonos da provincia nas que están asentadas as principais empresas do sector (como o de Sabón en Arteixo, o de Alvedro en Culleredo, o da Agrela na Coruña, Río do Pozo en Narón ou o parque empresarial do Tambre en Compostela), e tamén se desprazaban até as portas dos estaleiros de Fene e Ferrol, xa que a maioría das industrias auxiliares de Navantia están reguladas polo convenio de siderometal.
Empresas e polígonos sen actividade
Sobre o seguimento do paro, os secretarios comarcais da CIG-Industria da Coruña, Eduardo Caamaño, de Ferrol, Vivente Vidal e de Compostela, Benedito Blanco, subliñaron o rotundo éxito da folga e fixeron un chamamento a intensificar o traballo nas empresas para “convencer a todos os compañeiros e compañeiras que hai que ir á folga”.
Na comarca da Coruña, Eduardo Caamaño facía unha valoración moi positiva da folga, destacando que ao paso dos piquetes “comprobamos como tanto no Polígono de Sabón, como no de Alvedro como na da Agrela (onde se xuntou un piquete formado por centos de persoas) “as empresas están pechadas ao 100% ou senón están cun número moi reducido de persoal”.
O éxito da folga quedou evidenciado na multitudinaria manifestación que contra as doce do mediodía percorreu o centro da Coruña, saíndo de diante da Casa do Mar e rematando ás portas da sede da patronal a quen acusaron “de non mover nin un centímetro as súas pretensións” e querer recortar dereitos consolidados. Por iso, ás portas da CEC, o secretario da CIG-Industria da Coruña avisaba: “isto non vai parar”.
Unha valoración igual de positiva facía Vicente Vidal sobre o seguimento na comarca de Ferrolterra, onde o paro nas contratas de Navantia foi total e moi masivo en empresas como Rayma, Gabadi, Inaval, Tubacer ou mesmo en Talleres Mecánicos Galicia, onde rematou a mobilización que durante a mañá percorreu o Polígono de Río de Pozo, e que hoxe tiña as súas portas pechadas porque ningún operario/a acudiu traballar. Este empresario, explicou Vidal, é un dos que mantén unha actitude máis intransixente na mesa de negociación “e o primeiro en aproveitar para aplicar todo tipo de recortes”.
En Compostela, formouse un gran piquete que percorreu o polígono do Tambre desde as sete da mañá, aínda que pouco tiveron que facer a inmensa maioría das empresas do sector estaban pechadas.
De feito, Benedicto Blanco cuantificou o seguimento en máis dun 80%. Salientou a ausencia de incidentes malia ter que entrar a explicarlles aos traballadores e traballadoras de empresas como Pérez Rumbao as razóns polas que se convocaba a folga, pero chamou a atención no feito de que mesmo empresas como Tromosa, Gamelsa ou Arteal e practicamente todas as do automóbil estaban pechadas. Con todo denunciou aquelas nas que si estaba o persoal porque “estaban presionados, pero foi chegar, dicirllo e saír”.
Mantemento do poder adquisitivo e dereitos
Nas tres mobilizacións, as consignas foron claras: convenio con dereitos e mantemento do poder adquisitivo dos salarios. Sobre este punto, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, Tupi (quen participou dende primeira hora nos piquetes informativos da Coruña), rexeitaba as pretensións patronais dun convenio a seis anos, introducindo unha novidosa fórmula de revalorización salarial desligada do IPC anual real, e que suporía que cada traballador e traballadora perdera máis de 8.000 euros a final da vixencia do convenio.
“Non pode ser que os traballadores e as traballadoras sexan quen de novo asuman as consecuencias da crise. Ante a suba descontrolada da carestía da vida polo alto prezo da enerxía, os combustíbeis e os bens e servizos básicos, non vale un incremento moderado dos salarios, a suba ten que ser igual ao IPC real. Non imos asumir ningún convenio que supoña a perda de poder adquisitivo”, aseverou Bouzas Aboi. Denunciou que a última proposta da patronal “é para rir dos traballadores/as”, reclamoulle á patronal que a retire “e que se aveña a negociar nos termos que estamos formulando”. “
Cómpre lembrar que a convocatoria da folga chega despois de dous anos de negociacións sen avances e é o resultado dun intenso proceso de axitación que a CIG-Industria leva meses promovendo entre o persoal, coa convocatoria de numerosas asembleas e dúas manifestacións provinciais, no convencemento de que só será posíbel acadar un convenio digno a través da loita e da mobilización. A este respecto, o secretario nacional da federación da CIG recalcou que “contra a pobreza non queda máis remedio que loitar e seguir na folga”.
Porque ademais de propor un convenio a seis e de que o persoal renuncie á revisión do IPC ano a ano, a patronal quere aproveitar para incluír no convenio cláusulas para flexibilizar máis aínda a xornada laboral, “pretendendo que lle cedamos 176 horas flexibles ao ano, ou aumentar a duración dos contratos temporais”.
Fronte ás inasumíbeis condicións do empresariado, os traballadores e as traballadoras evidenciaron este xoves a súa disposición a pelexar para conseguir un convenio digno, con auténticas melloras salariais e laborais.