Entrevista a Carles Sastre (Intersindical-CSC): "Hai que paralizar ao máximo o país e penso que o conseguiremos"
A situación de excepcionalidade está a vivila Catalunya, mais tamén o Estado español, que está sendo capaz de sacrificar os principios dun estado democrático en función dos intereses da oligarquía. Isto é importante e tense que dicir
- O contexto de indignación xeneralizada que estamos a vivir pode axudar a sumar máis apoios na folga este venres?
Podería ser. A sentenza e a tipificación por sedición é unha cuestión que afecta aos dereitos fundamentais: dereito de manifestación , de folga e calquera tipo de disidencia. Isto está enriba da mesa e pode ter un efecto mobilizador. Non están en xogo só problemas de tipo salarial ou de pensións, senón outros dereitos fundamentais.
- Que previsións fan da folga?
Diría que o seguimento será bo.
- Ben, en cifras, que quere dicir?
As cifras non chas podería dicir, pero será unha folga xeral con todas as letras. Non sei se chegaremos á magnitude do 3 de outubro de 2017, pero seguro que terá repercusións.
- Chegar á magnitude do 3 de outubro será complicado? De momento non sumaron todo o apoio que esperaban acumular.
Unha das cuestións que temos que comezar a ter en conta é que, noutras folgas xerais, os grandes sindicatos estiveron a dicir estas vagas son ilegais e que non se podían seguir. Agora non están a dicir isto, e polo tanto entendo que os grandes sindicatos están facendo un cálculo de custo-beneficio . Entenden que a situación se lles está indo das mans.
- De todos os sectores que até o de agora non se sumaron á folga, hai algún que os decepcionase especialmente?
- Non. De momento estamos agardando. Temos unha listadxe de adhesións e contamos que o Concello de Barcelona acabarán convocando, que o Porto de Barcelona tamén, e a partir de aquí veremos como se decanta a situación.
- Un dos sectores que máis se está resistindo é o das universidades.
Supoño que tamén se sumarán. O ensino público, polo menos, seguro.
- A patronal Pimec, por exemplo, prefería un paro parcial. Chegaron a contemplar esta posibilidade?
Non. Cónstanos que algunha empresa fará paro patronal. Xa o fixo Bonpreu e tamén que algunhas empresas industriais o farán venres, malia que non o teño de todo asegurado.
- Os paros parciais contabilizaríanse como folga?
Se son paros, si. Outra cousa é o peche patronal, que non contaría. Pero se é un paro, si.
- Que condicións poñían desde CCOO e UGT para se adheriren?
Ning unha. Supoño que é un tema que os incomoda. Eles teñen estrutura estatal, e isto supoño que os afecta. E estes tipos de folgas poida que lle xeren tensións internas. Polo tanto, evitan certos posicionamentos, póñense de perfil e, pasado o día, pasada a romaría.
- Nos comunicados falan da realidade laboral e do contexto electoral que vivimos. Ven posíbel que se derrogue a reforma laboral?
Véxoo difícil. O tema é que fan moitas promesas electorais pero despois desdinse e quedan coma se nada. Este tema tense que trasladar á cidadanía. O outro elemento que me parece importante e que non tardará en ser un cabalo de batalla é o tema das pensións. O sistema está en creba, os niveis de débeda do Estado están en cifras récord, entramos non sei se en recesión, pero si en decrecemento, e isto afectará ás pensións. Penso que acabarán facendo recortes importantes como mínimo. E se non nos mobilizamos, mal. Témolo que facer para que o asunto das pensións estea sobre a mesa.
- Como teñen previsto que conflúan as Marchas pola Liberdade coa folga?
Faremos un acto ás 12 do mediodía e ás 5 sairá a gran manifestación desde os xardíns de Gràcia cara a paseo de Gràcia con Gran Vía. E supoño que se a xente das marchas venres fai folga, engadirase. Pero isto é unha decisión súa. É unha hipótese, en calquera caso.
- Teñen medo que se dean situacións como as que ocorreron martes pola noite?
Eu coido que non. En principio, as folgas xerais que se convocaron desenvolvéronse con toda a normalidade. Non creo que haxa ningún tipo de incidente. De todas as maneiras, boa parte dos incidentes de martes pola noite teñen a orixe nun exceso policial importante. Sen este exceso, a situación non se daría deste xeito. E non creo que venres pase nada disto.
- A nivel xeral, máis aló da folga, como se terían que articular as protestas para que teñan algún efecto máis aló da carraxe?
A situación de excepcionalidade está a vivila Catalunya, mais tamén o Estado español, que está sendo capaz de sacrificar os principios dun estado democrático en función dos intereses da oligarquía. Isto é importante e tense que dicir. E entendo que desde Catalunya hai dúas cousas a facer : manter unha mobilización sostida no tempo e reformularnos cuestións un pouco na liña do que dicía a Asemblea Nacional Catalá coas ferramentas de país. Penso que temos que reforzar posicións e temos que ir poñendo pancas. Apostas como esta da ANC permítenos cambiar as cousas a medio prazo.
- Para rematar, para que a folga sexa un éxito, que tería que pasar?
Que consegamos paralizar ao máximo o país. E penso que o acabaremos conseguindo.
[Entrevista tirada do sitio web El Temps, do 17 de outubro de 2019]