Desconvocada a folga na hostalaría da Coruña ao chegarse a un acordo en materia de salarios e IT

As partes emprazáronse a continuar negociando o resto das cuestións pendentes no mes de setembro
A Coruña - 11 Ago 2026

A folga prevista para este mércores 12 de agosto na hostalaría da provincia da Coruña fica desconvocada tras acadarse un acordo en materia de incremento salarial e que garante a cobertura nas situacións de baixa médica. Estas eran dúas das materias nas que a patronal se amosaba máis belixerante, pois pretendía recortar o complemento de incapacidade temporal que xa está recollido no convenio colectivo e negouse dende o primeiro momento a asumir subas de soldos para o ano 2025.

O acordo atinxiuse na mediación iniciada este martes e, aínda que non cumpre as demandas que a CIG levou á mesa, permite desbloquear as conversas que estaban paralizadas dende hai meses a causa da intransixencia da patronal.

Nunha reunión marcada pola tensión, a CIG-Servizos explica que, a pesar das reticencias do empresariado, conseguise pactar un incremento salarial lineal de 500 euros para o ano 2025, que se deberá abonar antes do 31 de outubro.  Neste senso, hai que lembrar que as retribucións do persoal están conxeladas dende 2024, a pesar de que o sector non deixa de medrar en facturación e volume de negocio. Para o resto dos anos, os incrementos serán do 3% para 2026; do 3,5% para 2027 e do 3% para 2028.

Porén, incide a CIG-Servizos, o máis relevante é que se logrou frear a pretensión patronal de recortar un dos poucos dereitos que as persoas traballadoras teñen recoñecida: a cobertura do 100% nos casos das baixas. Garantir este dereito era unha das liñas vermellas da parte social nesta negociación.

Arranxar estas cuestións permite sentar as bases para retomar a negociación do resto de materiais pendentes do convenio (redución da xornada laboral, mellora do pago da nocturnidade e das horas extraordinarias, etc.), polo que ambas partes se emprazaron a unha nova reunión para o 17 de setembro.