Denuncian que o ERTE no grupo Zena-Alsea deixará a milleiros de traballadores/as con até o 50% do salario
Dende a representación da CIG en Domino´s Pizza de Ourense, cadea de restauración franquiciada no Estado español polo grupo Zena-Alsea, denuncian que o ERTE que a dirección puxo enriba da mesa deixará a milleiros de traballadores/as cunha redución que podería chegar ao 50% do salario e critican que CCOO, UGT e FETICO estean dispostos a asinar o acordo.
O grupo Zena-Alsea, compañía de restauración que xestiona empresas como Foster’s Hollywood e Cañas y Tapas ou exerce de franquiciadora no Estado de marcas internacionais tan coñecidas como Domino’s Pizza e Burger King, vén de pactar un ERTE con CCOO, UGT e FETICO que deixa os seus 22.000 traballadores/as a nivel estatal “en situación de miseria” xa que o despido temporal vén acompañado dunha importante redución dos soldos.
Segundo explican dende a representación da CIG en Domino’s Pizza de Ourense, o acordo suporá de entrada a redución do salario base un 30%, “pero sendo realistas a caída dos nosos ingresos será moito maior, xa que a gran maioría temos contratos de poucas horas semanais e non temos máis remedio que facer horas complementarias para ter uns ingresos mínimos que nos permitan vivir” Mais estas horas non se terán en conta para calcular a prestación por desemprego, polo que a caída do salario real será maior, podendo chegar incluso ao 50%.
Por iso decidiron organizarse a través das redes sociais con outros/as afectados/as do grupo no conxunto do Estado baixo a denominación 'Alsea/Zena en loita' para denunciar “que vai ser imposíbel que con 200, 300 ou 400 euros enchamos as nosas despensas de alimentos e paguemos o aluguer e os servizos básicos”.
Principais reivindicacións
Ao mesmo tempo, esíxenlle aos sindicatos que están a negociar o ERTE que non o asinen mentres a empresa non acepte as seguintes reivindicacións:
1) Para compensar a eliminación do ingreso de horas complementarias deberase calcular a axuda a percibir por cada traballador/a en base ás nóminas dos meses de xaneiro e febreiro, facendo unha media entre ámbalas dúas. O cálculo debe realizarse sobre os ingresos reales que se perciben e non sobre o salario base, que neste caso é mínimo froito da extrema precariedade existente na empresa.
2) No caso de que se asine o ERTE finalmente a empresa terá que aportar o 30% restante para que todo o persoal poida percibir o 100% do seu salario, calculando o mesmo sobre as bases expostas con anterioridade. “Posto que o Estado axuda a esta transnacional co diñeiro público de todos/as, queremos que o traballador/a non se sinta agraviado”.
3) Hai que ter en conta que moitos compañeiros/as teñen contratos temporais, situación que debe de terse en conta; todos os contratos temporais serán renovados para garantir os dereitos do cadro de persoal.
Por todo isto, amosan a súa oposición ao ERTE xa que “ten que ser a empresa a que pague o 100% dos salarios cos seus beneficios millonarios” e animan os traballadores/as a poñerse en contacto cos delegados/as de CCOO, UGT e FETICO para pedirlles que non asinen “este acordo vergoñento que nos condena á miseria, ou en caso de que o fagan que sexa cando se cumpran os requisitos, garantindo que sexa unha medida temporal e que teñamos un salario co que poder chegar a fin de mes”.
Do mesmo xeito, seguirán a demandar que todas as axudas públicas que perciba a empresa para facer fronte a esta crise sexan destinadas de maneira íntegra e directa ao pago de salarios. “Non imos aceptar que un só traballador/a quede sen ingresos”, rematan.