Convocadas dúas xornadas de folga na sanidade privada da Coruña en demanda dun convenio digno
As organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT van intensificar as mobilizacións en resposta ao bloqueo patronal á negociación do convenio colectivo da sanidade privada da Coruña. Para o próximo venres, 17 de novembro, teñen convocada unha gran manifestación na cidade herculina que sairá ás 20h da Praza de Pontevedra, e para os días 30 de novembro e 14 de decembro o persoal do sector está chamado a secundar folga en demanda de salarios xustos e condicións dignas.
Así o anunciaron este martes nunha rolda de prensa na que informaron que este convenio regula a máis de 4000 persoas en toda a provincia que desenvolven o seu traballo tanto nos hospitais dos grandes grupos sanitarios como HM, Quirón, Ribera Salud ou Adeslas, como nas clínicas dentais, de fisioterapia, centros estéticos ou laboratorios clínicos.
Malia ser un dos convenios que conta coas peores condicións salariais e laborais e o que ten a xornada máis extensa do sector (máis de 1800 horas ao ano cando a media do estado rolda as 1720), a patronal presentou unha oferta económica ridícula, pretendendo ademais recortar dereitos xa recoñecidos como as contías dos trienos ou o cobro do 100% no caso das baixas.
"Estas son as nosas liñas vermellas, non imos renunciar a estes dereitos", aseverou Miguel Tizón, responsábel de negociación colectiva da CIG-Saúde. Na defensa destes dereitos e co obxectivo de gañar outros tan básicos como cobrar por traballar en domingo, as centrais sindicais iniciaron un calendario de mobilizacións o pasado mes de setembro que continuará este venres, día 17, cunha manifestación na Coruña que sairá ás 20 horas da Praza de Pontevedra e rematará no Obelisco coa lectura dun manifesto.
A folga en resposta á paralización das negociacións
Porén, denunciou Tizón, a última xogada da patronal foi suspender as negociacións baixo o pretexto dunha posíbel modificación lexislativa da xornada máxima legal e dun posíbel incremento do SMI por parte do futuro Goberno español. "Estamos ante unha agresión aos dereitos das traballadoras e dos traballadores. Esta actitude da patronal é a que nos obriga a responder coa convocatoria da folga", apuntou.
O obxectivo destas dúas xornadas de folga é exixirlle á patronal que retome de inmediato as negociacións do convenio, que retire da mesa os puntos innegociábeis (recortes nos trienos e na cobertura das baixas), que presente unha oferta económica que "realmente modifique á alza as táboas salariais" e permita recuperar o poder adquisitivo perdido, unha rebaixa da xornada anual máxima, e unha nova regulación dos permisos retribuídos.
Miguel Tizón criticou a avaricia dos grandes grupos empresariais do sector "que se fan ricos a conta dos millonarios concertos co SERGAS e os seguros privados mentres o persoal (na súa maioría mulleres) traballa en condicións de auténtica precariedade". Para evidenciar esta precariedade explicaron que unha técnica en coidados auxiliares de enfermería cun trienio "chega a fin de mes cun soldo de 915 euros".
As centrais sindicais fixeron un chamamento a todas as traballadoras e traballadores da sanidade privada da provincia a loitar para conseguir un convenio con salarios e condicións xustas. Así mesmo, instaron a intervención da Consellaría de Sanidade "porque debido ao desmantelamento da sanidade pública, a sanidade privada está cubrindo unha parte importante das listas de agarda. A folga tamén afectará á asistencia pública polo que o SERGAS non debería seguir mirando para outro lado".