Concentración nas Cancelas contra os recortes que pretende impor a patronal de comercio vario

A mobilización da CIG-Servizos, CCOO e UGT coincidiu coa celebración da Fashion Night
Compostela - 01 Xun 2018

CIG, CCOO e UGT concentráronse este venres no Centro Comercial As Cancelas, coincidindo coa Fashion Night, para reclamar o pago dos atrasos do convenio que a patronal de comercio vario da provincia da Coruña se nega a efectivizar, denunciar a súa negativa a ampliar a redución de xornada até os 14 anos e contra as penalizacións por estar de baixa.

As tres centrais sindicais lembran que na última xuntanza coa patronal, o pasado 8 de maio, deixaron moi claro que o complemento por incapacidade nas baixas “non se toca”. Aseguran que non van permitir que a patronal “aproveite a negociación do convenio para recortar os dereitos de todas as traballadoras e traballadores do comercio da provincia da Coruña e perder o dereito ao cobro do 100% cando se está enfermo ou enferma.

Denuncian que a patronal segue a insistir en eliminar o cobro do 100% en situación de baixa médica, culpando ás traballadoras e traballadores do absentismo que, segundo eles, existe no sector, co cal os seus ingresos se verían seriamente reducidos.

 

Garda legal até os 14 anos

Xunto a isto denuncian que a patronal tamén se nega a recoñecer o dereito á ampliación por garda legal até os 14 anos de idade tal e como se vén recollendo noutros convenios. Un dereito “necesario para que poidan conciliar a súa vida laboral coa familiar”, precisan.

Salientan que as traballadoras e traballadores do sector do comercio “están fartas e fartos” de escoitar, reunión tras reunión, que o comercio está en crise, cando todos saben que iso non é así. “Traballamos no sector e sabemos o que se factura nas tendas e non é que sexa pouco e saian perdendo, é que queren gañar máis a conta de recortarnos os dereitos de todas e todos nós”.

Por iso chaman a todas as traballadoras e  traballadores a loitar pola mellora dos seus dereitos e, por iso tamén, iniciaron con esta concentración as mobilizacións no comercio vario.