CIG-Servizos demanda da patronal das residencias que sente negociar o convenio e aplique xa a sentenza sobre descansos e compensacións
Delegadas da CIG nas residencias privadas de maiores da comarca de Ferrol compareceron en rolda de prensa esta martes para demandar unha dignificación das condicións laborais e salariais e advertir que iniciarán mobilizacións se a patronal continúa sen executar a sentenza do TSXG sobre descansos e compensación dos festivos traballados e pretende seguir dilatando o inicio da negociación do novo convenio colectivo do sector.
Beatriz Fernández, responsábel do sector na CIG-Servizos de Ferrol, subliñou que tras coñecerse a sentenza do TSXG que dá a razón ás organizacións sindicais a respecto do tempo de descanso e da compensación polos festivos traballados, as delegadas e delegados da CIG solicitaron reunións coas direccións das residencias da comarca para pedir que se aplique de inmediato a sentenza. Porén, a día de hoxe aínda non recibiron contestacións "e sospeitamos que as empresas tentarán evitar por todos os medios aplicar os dereitos recoñecidos, tendo en conta ademais que xa presentaron recurso de casación".
Neste senso, Fernández, criticou que até o último momento, a patronal, con DomusVi á cabeza, "estivo presionando dun xeito feroz para que se retirara a demanda", ameazando con paralizar a constitución da mesa negociadora do convenio colectivo do sector. De feito, neste momento a CIG ten denunciado o convenio e solicitou a constitución da mesa negociadora "que foi aprazada en dúas ocasións pola patronal en menos de dez días". Unha situación da que Fernández culpou as empresas, mais tamén á Xunta "que é coñecedora e consinte o que está a pasar nas residencias privadas ou de xestión privatizada".
Incumprimentos da patronal
A representante sindical lembrou que a CIG presentou varias denuncias en Política Social por incumprimentos de ratios nas residencias, baseadas nos datos do informe do Consello de Contas de Galiza de 2017, que constata que nas principais empresas que xestionan as residencias de maiores a cifra real de traballadores e traballadoras non coincide en número de efectivos co cadro de persoal ofertado para as contratacións.
"Traballamos con falta de persoal e en condicións escravistas, algo que afecta de maneira directa aos usuarios e usuarias", aseverou Fernández, destacando a DomusVi por enriba de todas as empresas en canto a malas condicións. Aínda así, a Xunta orzamentou 65.7 millóns de euros no ano 2019 para o concerto de prazas nas residencias privadas, que maioritariamente foron parar ao grupo DomusVi. "A conivencia da Xunta con esta empresa é abafante", reiterou.
Fronte a isto, na comparecencia esixiuse da Xunta que adopte as medidas necesarias para obrigar a que as empresas do sector "non sigan a converter as residencias privadas nun servizo low cost".
A crise sanitaria evidenciou a falta de persoal e medios
A precariedade laboral e a falla de persoal e medios quedou en evidencia durante a emerxencia sanitaria, na que se tivo que traballar con falta ou insuficiencia de EPI, cambios de quendas de traballo, xornada de até 12 horas, inexistencia de protocolos de prevención, incumprimentos dos acordos alcanzados con departamentos como o de enfermaría ou a falla da realización de test. "Isto non fixo máis que reforzar a nosa loita pola dignificación do sector, por uns salarios dignos e unhas condicións xustas e que se recoñeza o valor do noso traballo, que ten unha enorme transcendencia social", aseverou Fernández.
Neste senso, destacou a entrega absoluta deste persoal durante a crise sanitaria dobrando quendas, aprazando vacacións, facendo horas extraordinarias (que nalgúns casos as empresas non queren pagar), aceptando cambios de quendas, traballando festivos que non lles correspondían, etc. "O que pedimos agora é que senten negociar o novo convenio e recoñezan todo o traballo feito".
Fernández tamén se referiu á non realización de probas da Covid19 ao persoal das residencias, que provocou que as traballadoras e traballadores sufriran unha exposición innecesaria ao risco biolóxico, "pero tamén unha situación de estrés emocional e ansiedade ao vérense expostas a un risco grave e descoñecido".