Carril achega o total apoio e solidariedade da CIG á folga das traballadoras e traballadores da CRTVG

Hoxe protagonizaban a quinta xornada de paros intermitentes dunha folga que xa é indefinida
Nacional - 16 Out 2024

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, trasladou hoxe o total apoio e solidariedade da central sindical á folga que están protagonizando as traballadoras e traballadores da CRTVG e a dispoñibilidade da CIG para contribuír á loita e organización para resistir fronte a quen pretende minusvalorar as demandas do persoal dos medios públicos e do conxunto da sociedade galega.

O secretario xeral da CIG salientou o “exemplo de dignidade” que están dando as e os profesionais con esta loita que vén de lonxe. Nese sentido lembrou a grande mobilización que tivo lugar en 2022 polas rúas de Compostela para denunciar o “secuestro” da CRTVG polo Partido Popular co obxectivo de “persuadir, manipular ou negar o propio país e o que realmente sucede” para que a xente non poida ter “conciencia crítica”. Cuestións fronte as que considerou necesario combater “para ser quen de avanzar en dereitos sociais, laborais e mesmo democráticos”.

Subliñou a importancia de “resistir” e, fronte a quen considera que “é un elemento que non permite avanzar”, asegurou que “en tempo de loita e de mobilización, a resistencia é a clave do éxito”. Máis cando pretenden “poñernos a proba para impedir vencer e convencer e arrincarnos as ganas de loitar e de mobilizar”.

ILP “Por unha CRTVG ao Servizo do Pobo”

Carril enfiou o “secuestro” dos medios públicos que se vén denunciando desde hai anos e a folga convocada na CRTVG, coa ILP que xa se está comezando a socializar no conxunto do país. “Ferramentas fundamentais” que asegurou que “teñen que ser un alento” para conseguir “colocar no seu sitio a quen nos queren negar” e que para iso “manipulan, agochan a realidade, terxiversan o que ocorre no país, pretendendo crear unha masa anónima de persoas acríticas totalmente entregadas a un modelo de país e un modelo económico e social inxusto”.

O secretario xeral da CIG anunciou ademais que a ILP sae a semana que vén ás rúas de 18 localidades do país e avanzou que nos meses vindeiros poderase demostrar “unha vez máis a capacidade de loita e de mobilización que ten o pobo galego”.

A carón das traballadoras e traballadores reiterou que a CIG seguirá estando con eles porque “entre todas e todos e con esa capacidade de resistencia é como se poden acadar os obxectivos”.

Encomenda ao apóstolo

Ao remate da concentración diante das instalacións da CRTVG parte do persoal dirixiuse á Praza do Obradoiro para “encomendarse ao apóstolo” diante da falta de vontade negociadora da dirección. Unha actitude que o comité de folga cualifica de “persistente” e que non colle de sorpresa á representación sindical.

As mobilizacións están convocadas en protesta pola incesante externalización da produción e contra o uso perverso da radio e televisión públicas en favor do Partido Popular e do actual goberno da Xunta. O detonante do malestar foi a substitución o mes pasado do magazine informativo “A Revista” por un espazo cun formato prácticamente idéntico pero elaborado por dúas produtora externas, O Termómetro.

Neste senso, rexeitan os argumentos da CRTVG para defender a externalización, relacionados co deber que ten o ente público de promocionar o audiovisual galego ao contratar o programa “O Termómetro”, elaborado por unha produtora que é filial dunha empresa con capital e sede en Madrid vencellada a persoas que ocuparon postos de responsabilidade no Partido Popular.

Consideran “inaceptable” que se destinen 16.000 euros diarios para que unha empresa produza o mesmo que antes elaboraba o persoal da Corporación e, ademais, achegándolle medios técnicos e documentais públicos.

Os convocantes tamén denuncian o cerco que o sistema mediático galego “afín ao rexime está a levantar para ocultar esta nova mobilización do persoal dos medios públicos de comunicación, empezando pola propia CRTVG” que, cando xa van pola quinta xornada de folga, aínda non dedicou nin un segundo dos informativos da TVG e da RG a informar á sociedade galega da existencia e das razóns desta protesta.