Asinado o convenio colectivo de comercio vario da provincia da Coruña
Esta mañá asinouse o convenio de comercio vario da provincia da Coruña. Un convenio que contempla desde incrementos salariais até melloras sociais, nomeadamente en materia de conciliación. A CIG-Servizos valórao moi positivamente porque supón un importante avance para as condicións laborais das traballadoras e traballadores e porque se consigue garantir a ultraactividade do mesmo.
Roberto Alonso, da CIG-Servizos, salienta ademais que o convenio recupera a cláusula de revisión salarial co IPC real e importantes melloras en materia de conciliación ao estenderse o dereito a redución por garda legal até os 14 anos. Ademais contémplase o dereito a dispor de 8 horas ao ano para acompañamento ao médico de fillos/as menores de 15.
O convenio recolle tamén un protocolo de actuación contra o acoso sexual, acoso por razón de sexo e acoso psicolóxico.
Introduce ademais garantías para o persoal condutor porque no suposto de que, tendo dous anos de antigüidade na empresa, realice funcións propias do seu posto de traballo empregando vehículo propio ou da empresa, se lle retire o permiso de conducir, a empresa adaptaralle o posto de traballo.
Incremento salarial
O convenio, que ten vixencia desde 2016 até 2019 contempla ademais incrementos salariais do 1% para 2016; do 1% para 2017; do 2% para 2018 e doutro 2% para 2019. En todo caso garante, tanto para 2018 como 2019 que se ao remate destes anos o IPC a 31 de decembro é superior a esa porcentaxe se abonará a diferenza respecto ao incremento salarial pactado.
Contempla, xunto a isto, para os anos 2016 e 2017 un plus de transporte cun importe de 99,56€; para o ano 2018 de 103,59€ ao mes e para o ano 2019, de 105,56€.