As traballadoras de limpeza da Xunta solicitan a intervención da Secretaría Xeral de Igualdade
As traballadoras do servizo de limpeza da Xunta fixeron este xoves entrega dun escrito dirixido á Secretaría Xeral de Igualdade no que denuncian a súa situación e demandan que se leven a cabo as actuacións necesarias para comprobar os feitos e salvagardar os dereitos laborais e o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, adoptando a única medida que entenden que o posibilitaria: “que a todas as mulleres con categoría de limpadora e cun trienio de antigüidade se lle recoñeza a categoría de peon-especialista”.
Por iso no escrito lembran que Grupo Norte ascendeu á categoría de peón especialista aos homes que aínda non a posuían de maneira unilateral e sen consultalo e comunicalo ao Comité de Empresa , o que implica un incremento económico significativo nas súas retribucións, sen que esta mesma posibilidade se ofertase nin agora, nin no pasado, as mulleres traballadoras.
Denuncian que “o colectivo masculino é o único que se ve recompensado economicamente con diferentes pluses a maiores do salario” que non perciben ningunha das mulleres que se atopa nesa mesma situación.
Estatuto das/os traballadoras/es
Por iso entenden que desde a empresa se veu promovendo unha brecha de xénero que atenta contra o establecido no artigo 24 do Estatuto dos/as traballadores/as que esixe que os ascensos respondan a criterios e sistemas que garantan a ausencia de discriminación entre homes e mulleres, “podendo establecerse medidas de acción positivas dirixidas a eliminar ou compensar situacións de discriminación”.
Do mesmo xeito sinalan que o artigo 28 do Estatuto tamén trata de blindar a igualdade de remuneración por razón de sexo ao conter a prohibición expresa de que “poda producirse discriminación algunha por razón de sexo en ningún dos elementos ou condicións” da mesma, xa sexa directa ou indirecta, e con independencia da súa natureza (ben sexa en forma de salario ou calquera outro tipo de compensación).
Ascenso vinculado á antigüidade
Malia isto desde hai anos e de xeito sistematizado aos homes, e só aos homes, que cumpren determinada antigüidade na prestación do servizo se lles recoñece á mencionada categoría de peón especialista. Por iso entenden que a única medida de acción positiva que pode eliminar ou compensar esta discriminación é que se opere do mesmo xeito coas traballadoras, e polo tanto que a todas as mulleres con categoría de limpadoras e con esa determinada antigüidade -que cifran nun trienio- se lles recoñeza a categoría de peon-especialista.
Advirten que de non facelo así seguiríase agrandando a brecha salarial por razón de xénero, xa que neste caso “o feito discriminatorio non se reduce exclusivamente á simple promoción de categorías, senón tamén ao propio sistema e requisitos que se lle esixen a un e a outro xénero para ascender de categoría, non seria entendíbel que agora se pretendese topar o número de traballadoras que puidesen acceder á categoría de peón-especialista cando isto, nunca, ocorreu co persoal masculino, o contrario significaría seguir a manter e soster indefinidamente a situación de discriminación e, polo tanto, a brecha salarial”, afirman.
Faise preciso, tamén, que mulleres e homes percibamos os mesmos pouses cando concorran idénticas circunstancias.
Exceso de carga de traballo
Xunto a isto, a través do escrito presentado, denuncian tamén o exceso de carga de traballo, xa que desde hai anos Grupo Norte non substitúe a inmensa maioría das ausencias, fundamentalmente no referido á substitución de IT e de vacacións. Unha situación que afecta con maior diferenza ás traballadoras e polo que consideran que se fai necesario “eliminar esta discriminación” abordando tanto unha política de substitucións de ausencias como un redimensionamento do cadro de persoal para evitar a súa sobrecarga.
Propoñen ademais adaptar a redacción dos Acordos existentes na Contrata da Limpeza da Xunta en Compostela a fin de eliminar calquera cuestión que puidera derivar directa ou indirectamente nun incremento da brecha salarial e/ou supor calquera tipo de discriminación por razón de xénero e a elaboración dun Protocolo de promoción de categorías que, de cara ao futuro, contribúa a garantir a non discriminación por razóns de xénero.