As traballadoras das residencias privadas de maiores claman por un convenio que garanta unhas condicións dignas
Traballadoras de residencias privadas concentráronse esta mañá diante da Domus VI de Pontepedriña, en Compostela, ao berro de “estamos cansadas de ser explotadas”, para denunciar a insuficiente proposta de convenio presentada pola patronal e exixir avances significativos en materia económica, de xornada e nas condicións laborais.
A mobilización insírese na campaña de actos de protestas acordados tras do rotundo rexeitamento das asembleas de traballadoras e traballadores á proposta de convenio colectivo da patronal e á decisión desta de rachar as negociacións.
Segundo explicou o secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, Roberto Alonso, os avances en materia económica son nulos, tanto que “nin sequera se avanza para situar, como mínimo, no SMI ás categorías máis baixas, que seguen quedando por baixo”.
Unhas condicións salariais que Alonso denuncia como “inadmisibles” porque deixan ao persoal, no seu conxunto, “empobrecido”, logo de que, tras da sinatura por parte de CCOO e UGT do anterior convenio (2020-2023), se mantiveran os incrementos salariais por debaixo do IPC real.
Condicións laborais
Ademais de impedir a recuperación do poder adquisitivo, a proposta da patronal mantén unhas condicións laborais “inaceptables”. Neste sentido, o secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela afirma que o que reclaman é “a equiparación das condicións laborais do persoal de residencias privadas co das de xestión pública” e maiores ratios de persoal para poder garantir unha mellor atención ás persoas residentes. “Realizan o mesmo traballo que o persoal das públicas, pero con ratios máis baixas, o que implica unha moito maior carga de traballo e provoca situacións de explotación laboral”.
Por iso a CIG vén demandando a creación dun sistema galego de atención ás persoas, 100% público, e mesmo levou ao Parlamento de Galiza una ILP para que este sistema integre todos os servizos baixo un único convenio colectivo negociado coa administración galega. Unha ILP que o PP rexeitou porque defende un modelo privatizador que entende os coidados como unha mercadoría para maior beneficio de grandes multinacionais e fondos de investimentos.