As Fundacións de Investigación Biomédica néganse a negociar un convenio digno para o seu persoal
As e os presidentes dos comités de empresa das Fundacións Biomédicas de Investigación Sanitaria de Galiza, Paula Cerezo Álvarez, da Fundación Biomédica Galicia Sur; Alejandro Lamelo Alfonsín, da Fundación Prof. Novoa Santos e Ezequiel Álvarez Castro, da Fundación IDIS compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar a negativa destas fundacións a negociar un convenio digno que permita que o persoal investigador -440 traballadores/as- teña, cando menos, unhas retribucións equiparadas ás que percibe un Grupo E (nivel formación ESO) da Xunta de Galiza, que equivalería a uns 16.000 €.
Os Comités de Empresa das tres Fundacións Sanitarias de Galiza, que engloban a gran parte do colectivo investigador a nivel hospitalario en Galiza, representan ás traballadoras e traballadores de investigación sanitaria, constituídos en plataforma (PLAGTIS). O seu obxectivo era a negociación do convenio laboral específico que, segundo denunciaron, está nun punto morto “pola negativa de patronal a incluír ao persoal que consegue financiación en convocatorias externas para o seu contrato”.
Ao seu entender, deixar a este persoal investigador, ao que se lle exixe ser licenciado, ter un mestrado e estar matriculado nos cursos de doutoramento, sen definición dunha categoría profesional dentro das fundacións, e sen o amparo dunha retribución mínima de acordo coa súa categoría, “é inasumíbel”.
Subliñan que a definición dunha categoría profesional, a súa retribución mínima e a estabilidade contractual “é a forma de visibilizar a dignidade do persoal traballador en calquera entidade”. Lembran ademais que estas tres condicións están protexidas polas leis ou os convenios laborais. Por iso entenden que o convenio laboral de organismos da relevancia das Fundacións de Investigación Sanitaria Galegas “non pode renunciar a ningunha delas”. Máis cando, tal e como explicaron, son millóns de euros os que se conseguen para os proxectos e a compensación económica para que as compañeiras e compañeiros completara os seus salarios, até chegar ao mínimo do convenio non suporía, atendendo aos seus cálculos, nin o 1%.
Neste sentido, o portavoz da PLAGTIS e presidente da Fundación IDIS, Ezequiel Álvarez Castro, considerou que a negativa a asumir esta demanda é consciente e ten como obxectivo inviabilizar a sinatura do convenio porque “eles saben que para nós é inadmisíbel e queren que rompamos as negociacións”.
Ademais Álvarez Castro denunciou a responsabilidade da consellaría de Sanidade e da propia Xunta de Galiza xa que, como indicou, “transmitíronos que a decisión vén de arriba”.
En punto morto
O portavoz da plataforma denunciou as precarias condicións de traballo deste colectivo, tanto pola alta temporalidade dos contratos como as carencias en seguridade e hixiene laboral. Para eles/as a inexistencia dunha carreira investigadora que garanta unha continuidade na investigación é unha demanda que “a nivel global que non foi escoitada até a data”. A isto engadiu os recortes en investimento para investigación, o que “fai que a situación sexa xa insostible”. Por iso Álvarez Castro asegurou que así “é imposible reter o talento e ser competitivos”.
A negociación do convenio comezou o 28 de maio de 2019 coa constitución dunha “Mesa de contidos” a través da apertura dun expediente no Consello Galego de Relación Laborais impulsado polos/as traballadores/as das fundacións sanitarias. Desde aquela celebráronse cinco xuntanzas, a última o pasado venres 4 de outubro, salpicadas de “atrancos, falta de ritmo e de fluidez no aporte de información”, o que provocou que os avances foran “escasos”.
De feito, o portavoz da plataforma asegurou que os poucos avances que se produciron foron “grazas á nosa vontade” porque mesmo aceptaron que se recollera en convenio unha xornada laboral flexíbel na que estarían dispoñíbeis de 7:00 da mañá a 19:00 horas todos os días da semana, incluídos os fins de semana e sen ningunha compensación.
Sobre a mesa de negociación deixaron claras as súas demandas, que se resumen en que se garanta a “igualdade”. Para acadala defenden que se recoñeza que o persoal que gaña convocatorias externas forma parte das fundacións “en igualdade de dereitos que o resto dos/as traballadores/as. O noso convenio debe acoller ao cen por cen dos/as traballadores/as contratados”.
Xunto a isto, rexeitan calquera caste de “discriminación”, partindo de que a participación nunha convocatoria externa e a consecución de financiamento “non pode supor un detrimento para o/a traballador/a que a consiga. Se a axuda conseguida é inferior á retribución mínima proposta, debemos suplementala por convenio”.
Tamén reclaman “autonomía” entendendo que a definición das categorías profesionais e as súas retribucións compete ás fundacións a través do convenio coa parte sindical, con independencia das condicións propostas polas convocatorias de financiación externas. “Non podemos supeditalas á caprichosa variabilidade da oferta externa: debemos ser autónomos”, sinalan.
Con todo, consideran que as fundacións “nunca tiveron interese real en negociar o convenio” porque se limitaron a traer a unha persoa dunha consultoría de Madrid, para imporlles un convenio idéntico ao que teñen alí e denuncian que a negativa da patronal “non se fundamenta nun estudio económico de viabilidade”.
Por iso demandan da patronal “que reflexione sobre a nosa proposta: igualitaria, inclusiva, coherente e viábel”, de cara a conseguir un convenio laboral “único” para todo o persoal das Fundacións de Investigación Sanitaria galegas, non condicionado ás múltiples variedades de convocatorias de financiamento que “defina, dignifique e unifique as nosas condicións laborais”.
En diante, teñen previsto recorrer á Valedora do Pobo e aos grupos parlamentarios para que se force desde estas institucións á Xunta a garantir condicións dignas ao persoal investigador “porque isto beneficia a Galiza”. En todo caso advirten de que “se a súa resposta non chega, valoraremos mobilizacións”.
Xestión integral da investigación e innovación
As Fundacións Sanitarias, que naceron nos anos 90-2000, teñen encomendada pola consellaría de Sanidade da Xunta, a xestión integral da investigación e innovación que as e os profesionais de Galiza desenvolven, así como a promoción dos resultados que a actividade investigadora xera. Desde a Plataforma lembran que a misión de todas elas é impulsar a investigación, a docencia, a innovación e o desenvolvemento científico-tecnolóxico no ámbito sanitario galego.