As contratacións estivais no sector servizos maquillan os datos da EPA
A creación de emprego no sector servizos, coincidindo co período estival, está a salvar os datos do segundo trimestre da EPA, que hoxe publica o Instituto Nacional de Estatística. O incremento do 2.4% da ocupación que reflicte a Enquisa de Poboación Activa prodúcese fundamentalmente neste sector (onde a ocupación sobe un 3.8%), ocultando así o continúo deterioro do sector primario (básico para o noso país), no que se reduciu a ocupación un 6.2% na agricultura e un 13.4% na pesca. Ademais, a industria, que sufriu unha forte perda de emprego no período máis duro da crise, tamén segue destruíndo postos de traballo.
Para o secretario Confederal de Emprego da CIG, Francisco Cartelle, estes datos reflicten que, malia o cambio de Goberno "séguense aplicando as mesmas políticas que dan os mesmos resultados: máis precariedade, máis temporalidade e máis parcialidade no emprego". Neste senso, subliña que "non hai nada do que parabenizarse, pois de pouco vale que se aumenten as porcentaxes de ocupación se todo o emprego que se crea é precario e non se mudan as políticas laborais".
60.000 fogares con todos os membros no paro
En datos absolutos, á poboación ocupada situouse durante o segundo trimestre do ano nas 1.075.000 persoas e o número de galegos e galegas desempregadas acadan as 175.000 persoas. Un dato a ter en conta é que aumenta a ocupación entre homes e mulleres, pero a taxa de paro (situada no 14%) descende máis entre os homes que entre as mulleres.
Malia os resultados da EPA, para a CIG resulta preocupante a precariedade do emprego que se crea, pois entre as persoas asalariadas con contrato temporal -segundo os datos que se coñecen-, aumentaron un 30% os contratos cunha duración de 1 a 3 meses e un 38% os contratos de un só día. É dicir, hai 6.000 galegos e galegas máis cun contrato de traballo de 1 a 3 meses e outras tantas con contratos de 3 a 6 meses.
Para a central nacionalista tamén resulta especialmente grave que haxa 60.600 fogares que teñen polo menos a unha persoa en idade de traballar, pero nos que todos os seus membros están no desemprego.
Reverter a baixa calidade do emprego
A CIG entende que é o momento de actuar sobre a calidade do emprego para garantir que ter un traballo signifique poder vivir en condicións dignas. Neste senso hai que subliñar que a maior parte dos contratos que se rexistran son de escasa duración e cun salarios miserábeis. Tanto é así que a día de hoxe, en Galiza, hai un 30% de asalariadas e asalariados que perciben ao ano uns ingresos inferiores ao SMI.
Reverter esta situación, sinala Francisco Cartelle, só conseguirá cun cambio nas políticas económicas e a derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva aprobadas polo PSOE e o PP. "Do contrario, advirte, continuarase precarizando e deteriorando o mercado laboral".