As asembleas de traballadores/as do metal de Lugo apostan polo conflito para conseguir un convenio digno

Lugo - 30 Mar 2023

As asembleas de traballadores e traballadoras do metal e do comercio do metal que se realizan estes días nas principais vilas da provincia de Lugo están apostando claramente polo conflito como resposta ao bloqueo patronal á negociación da ambos convenios colectivos.

Nas diferentes asembleas celebradas até agora (Burela, Ribadeo, Viveiro, Lugo e Monforte) rexistrouse unha elevada participación (na de Lugo o salón de actos do edificio sindical quedou pequeno para acoller a todas as persoas) e nas súas intervencións, as traballadoras e os traballadores manifestan a súa disposición a intensificar as mobilizacións até chegar a convocatoria de folga sectorial, no firme convencemento de que só a través da loita se poderá lograr un convenio con dereitos e que garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios.

Á vista da axitación do sector, Afonso Losada, da CIG-Industria de Lugo-A Mariña, adianta que a patronal "ten que asumir que o convenio non lle vai saír tan barato como pretende", en alusión á cativa oferta económica proposta polo empresariado e á escasa resposta recibida en negociacións pasadas.

Liñas vermellas: cobrar atrasos e subas anuais polo IPC real

Os convenios do metal e comercio do metal (que en Lugo se negocian de maneira conxunta) remataron en 2021 pero tras máis dunha ducia de reunións, as negociacións están paralizadas e sen data de nova xuntanza, a causa da postura intransixente da patronal.

"Aínda que houbo avances en materias como vacacións ou licencias, na cuestión económica as negociacións están encalladas", sinala Losada. Neste senso, aclara que dende o primeiro momento a parte social deixou claras as súas liñas vermellas: "co prezo dos produtos básicos disparados e producíndose un empobrecemento dos traballadores e das traballadoras, hai que ter revisións conforme ao IPC real cada ano para axustar os salarios ao incremento descontrolado dos prezos e, por suposto, non imos renunciar aos atrasos que se produzan”.

Pero na última reunión, a patronal rachou a mesa ao negarse a asumir o pago dos atrasos de 2022, limitándose a ofrecer unha paga única de 340€ para todas as categorías "cando o que correspondería a un oficial de 1ª serían 1094 euros". E segue teimando en levar ao último ano de convenio (2025) a revisión salarial sobre o IPC acumulado dos anos 22-23-24 e 25, no caso de que sexa superior ás subas pactadas, mais sen efectos retroactivos (é dicir sen xerar atrasos) e a aplicar en decembro de 2025, polo que iría a táboas do ano seguinte.

"Dende a parte social fixemos un esforzo por acadar un acordo de convenio, pero non imos renunciar as nosas liñas vermellas", reitera. Por iso, avanza que, unha vez rematada esta xeira de asembleas (quedan as Chantada, Vilalba e Sarria) para informar da situación da negociación e abordar co persoal as medidas a realizar, as centrais sindicais concretarán un calendario de mobilizacións, na perspectiva da convocatoria dunha folga sectorial.