A segunda xornada de folga no sector dos coidados leva as protestas a numerosas vilas e centros de traballo

En Vigo, as traballadoras mobilizáronse na Cidade da Xustiza con motivo da visita da conselleira de Política Social
Nacional - 11 Set 2025

As traballadoras dos servizos de axuda no fogar e das residencias privadas de maiores e centros de día están desenvolvendo este xoves a segunda das catro xornadas de folga convocadas pola CIG en setembro para demandar convenios dignos e reclamar un modelo que antepoña o benestar das persoas ao lucro empresarial.

Ao longo desta xornada grupos de traballadoras desenvolveron mobilizacións en diferentes localidades para darlle visibilidade á súa loita laboral e ao tempo concienciar a cidadanía das condicións nas que se prestan os coidados. Ademais, numeroso persoal en servizos mínimos saíu ás portas dos seus centros de traballo para manifestar o apoio á folga.

En Vigo, aproveitando a presenza da conselleira de Política Social, Fabiola García, as traballadoras trasladaron as súas protestas até a Cidade da Xustiza, onde a responsábel autonómica fixo unha visita á escola infantil. Porén, como vén sendo habitual, a conselleira evitou achegarse ás traballadoras para escoitar as súas demandas nin se interesou pola súa situación.

Desinterese de Política Social

As traballadoras criticaron este desleixo de Política Social no conflito e volveron reclamar a intervención activa da Xunta, como responsábel máxima deste sector, de estabelecer as ratios e de realizar o labor inspector, así como das políticas de privatización que están na base da precariedade laboral e asistencial.

Reiteraron tamén a necesidade de que a Consellaría participe na mesa que se vén de abrir, a instancias da CIG, para elaborar un protocolo ante situacións de violencia no SAF, para evitar que se repitan desgrazas como a acontecida este verán no Porriño, onde unha traballadora foi asasinada nun domicilio mentres realiza a súa actividade profesional.

Bloqueo patronal á negociación

Aínda que se trata de persoas traballadoras esenciais para a sociedade e que merecen unhas condicións acordes á importancia das tarefas que realizan, o sector dos coidados, maioritariamente composto por mulleres, está cronicamente infravalorado.

Cómpre lembrar que a mesa de negociación do convenio de residencias privadas e centros de día está bloqueada pola patronal dende o pasado mes de outubro, mentres que o convenio de SAF está caducado dende hai 12 anos, cunha negativa rotunda da patronal a abrir as negociacións e co resto de centrais sindicais “mirando para outro lado”.

Diante disto, a CIG-Servizos demanda que no sector privado se apliquen as mesmas condicións que no sector público, pero mentres isto non aconteza “as traballadoras deben ter unhas condicións laborais xustas e un salario digno”. Nesta liña, a central reclama que se dote a este sector cos orzamentos necesarios para dignificar as condicións de traballo e dotar o servizo de medios e persoal suficiente para ofrecer unha atención decente.