Nin con creación nin con destrución de emprego se frea a sangría de perda de poboación activa en Galiza. O ano pasado, que segundo a EPA rematou con 24.900 persoas ocupadas máis de media, a perda de activos acadou as 4800 persoas; co agravante de que é entre a poboación máis nova onde se reduce, aumentando entre os maiores de 40 anos, o que está a provocar un novo envellecemento do mercado laboral.
Entre os factores que estarían detrás desta perda de poboación activa atópanse a emigración da mocidade e o esmorecemento dun sector industrial que está a deixar paso á terciarización da economía galega, o que afonda no empobrecemento da poboación. Segundo a propia Axencia Tributaria, son as actividades de menores salarios medios onde máis medra a ocupación, algo que coincide cos datos facilitados pola EPA.
A emigración da mocidade e o esmorecemento da industria estarían detrás desta perda de poboación activa
De feito, todo o emprego que se creou en Galiza durante 2018 foi no sector servizos, manténdose na construción e destruíndose especialmente no sector primario; pero tamén na industria, onde desapareceron 2200 postos de traballo.
Esta perda de poboación activa é a que está a amortiguar a taxa de paro, xa que no último ano o descenso da poboación parada foi superior ao medre da poboación ocupada, precisamente polo perda de activos/as; a taxa de paro descendeu 2,4 puntos, situándose no 13,3% da poboación activa.
Ademais, o número de fogares galegos con todas as persoas activas no paro situouse en 59.200 en 2018 (67.500 en 2017), o que evidencia o imparábel proceso de empobrecemento da clase traballadora do noso país.
Empobrecemento e emigración
Segundo denuncia o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Fran Cartelle, estes datos amosan que as políticas laborais que está aplicar o PSOE, e que son unha continuación das do PP, non fan máis que afondar no empobrecemento da clase traballadora e condenan a mocidade á emigración.
“Estas políticas provocan que o emprego de calidade se estea a transformar en emprego precario, tal e como amosa a enorme terciarización da economía que se está a producir, e provocan que ao envellecemento da poboación galega se lle sume a marcha mocidade, o que supón unha sangría para a poboación activa do noso país”, sinala Cartelle.
Por todo isto, reitera a “urxente necesidade” de lograr a derrogación das contrarreformas laborais “que unicamente crean emprego lixo e afondan no empobrecemento e na exclusión social da clase traballadora”.
Principais resultados (datos en miles):
|
|
Total
|
Variación absoluta
|
|
|
2009
|
2017
|
2018
|
18/17
|
18/09
|
|
|
Total
|
Total
|
Total
|
|
|
|
Total
|
2.407,00
|
2.341,90
|
2.334,00
|
-7,90
|
-73,00
|
|
Activos/as
|
1.319,50
|
1.248,30
|
1.243,50
|
-4,80
|
-76
|
|
Poboación ocupada
|
1.155,40
|
1.052,70
|
1.077,60
|
24,90
|
-77,80
|
|
Poboación parada
|
164,1
|
195,6
|
165,9
|
-29,70
|
1,80
|
|
Inactivos/as
|
1.087,50
|
1.093,60
|
1.090,50
|
-3,10
|
3,00
|
Fonte: INE. EPA