A FGAMT-CIG acusa a Xunta de neglixencia no gromo de covid en Avícola de Galicia en Cambados
A FGAMT-CIG de Pontevedra acusa a Xunta de neglixencia no gromo de covid-19 rexistrado no centro de traballo de Avícola de Galicia (Avigal) en Cambados, xa que a central ten indicios de que tanto a empresa como a Administración coñecían hai tempo a existencia de positivos, malia o que se continuou a traballar.
Dende a federación de Alimentación da CIG sosteñen que o contaxio masivo en Avigal é consecuencia da “permisividade” e a falta de control coa que a Xunta favorece ás grandes empresas. Neste senso, pregúntanse se o Goberno galego “pretende facer en certas compañías o mesmo que fixo nas residencias de maiores, nas que censurou información sobre os contaxios”.
Por que ocultaron os contaxios e non se tomaron as medidas pertinentes?
Segundo a central, tanto a empresa como a Xunta coñecían hai xa máis de 15 días a existencia de positivos por covid en Avigal, mais a actividade continuou. “Por que os ocultaron e non se tomaron as medidas pertinentes?; por que pretenden agora culpar os traballadores/as do acontecido asegurando que os contaxios producíronse porque os afectados/as quitaron as máscaras na zona de descanso para comer?”. Nesta liña, na CIG pregúntanse tamén se o acontecido terá que ver co pouco espazo que os empregados/as teñen para comer e descansar.
Ao mesmo tempo, din non entender como é posíbel uns poucos casos iniciais derivasen nun gromo desta dimensión. “Onde están os famosos/as rastrexadores/as da Xunta?; por que a empresa non é intervida tendo en conta o novel de contaxio?; que medidas de seguridade e desinfección se están a aplicar?”, son outras das cuestións sobre as que a central solicita aclaracións ante a falta de información da empresa e da Xunta.
Xornadas ilegais
Por outra banda, dende a central lembran que Avigal é unha empresa coñecida por incumprir a legalidade laboral, motivo polo que xa foi denunciada con anterioridade pola CIG diante da Inspección de Traballo. En concreto, por obrigar a traballar aos persoal eventual seis días á semana “coa promesa de que no futuro terían días libres”.
Nesta compañía a explotación laboral, sobre todo de xente moza, está á orde do día, con xornadas de luns a sábado de como mínimo oito horas diarias, “aínda que en moitas seccións, como no caso de etiquetado, o tempo de traballo prolóngase entre dúas e tres horas máis”.