A FCM-CIG denuncia que o persoal da construción de Lugo é do peor pagado de todo o Estado
A Federación de Construción e Madeira da CIG denuncia a postura da patronal, CCOO e UGT que se negan a negociar e acordar ningún tipo de melloras sobre o convenio estatal da construción, que fixa unhas cantidades salariais mínimas para o sector. O secretario comarcal da FCM-CIG, Afonso Losada, advirte que esta negativa condena as traballadoras e traballadores de Lugo "a estar entre os peores pagados do Estado español" a afonda cada día máis as diferenzas económicas co convenio de Pontevedra, A Coruña ou Ourense, onde o persoal chega a cobrar 1980€ , 1119€ e 849€ máis ao ano, respectivamente, que en Lugo.
"Cun convenio que se atopa entre os máis baixos do Estado español, non é posíbel facer o sector atractivo para os traballadores e traballadoras", lamenta Losada, quen opina que para atraer persoal ao sector, diante da demanda actual, "non serven só as lamentacións en medios e hai que avanzar en condicións de traballo, seguridade e condicións económicas".
Esta situación, engade, mudaría de se atenderen as propostas que trasladadas dende a CIG á mesa de negociación: como un incremento do 6,5% que compense a perda de poder adquisitivo do ano 2021 (-4,5%) de xeito inmediato e unha cláusula de revisión salarial que asegure o IPC en cada ano de vixencia do convenio, ao igual que ocorre en Pontevedra, onde a maioría absoluta da CIG nas eleccións sindicais, traducise en convenios que superan o estatal con creces e permitiu que os traballadores cobraran este ano 676,34€ de atrasos pola cláusula do IPC.
"Mentres tanto en Lugo, despois de seis meses agardando por unha reunión dende que se celebrou a derradeira, nin atrasos nin incremento polo de agora, coa que está caendo. E iso, que levan dende o verán pasado“vendendo” o incremento do 3%", di Losada. Por iso, a central nacionalista vén de remitirlles á CCOO, UGT e á APEC unha solicitude de reunión urxente.
Propostas da CIG para o novo convenio
Entre as propostas da CIG para o novo convenio figuran que se atenda as singularidades do sector da Conservación de estradas en canto a horarios, gardas ou á perigosidade que conleva traballar a pé na estrada con tráfico rodado ao seu carón.
Tamén, o aumento do prezo das horas extras, a actualizacións das dietas e das pólizas de seguros, a introdución da xornada continua de verán onde sexa posíbel, a mellora retributivas nas baixas ou a recuperación do artigo que obrigaba a que o salario base do convenio non fora inferior ao salario mínimo interprofesional, eliminado no derradeiro convenio.
Nestes momentos, sinala Losada, "a negociación está parada dende hai xustamente seis meses, á espera de que UGT e CCOO entreguen a súa proposta negociadora para este ano e de que se aclare a verdadeira razón do retraso: a aplicación do plan de pensións do sector aprobado no convenio estatal sen que houbera normativa básica que o regulase, polo que non saben como aplicalo".
Este plan de pensións, advirte, levará o 1% do incremento pactado para o ano 2022 "que se saca das cotizacións dos traballadores para privatizalo, nun novo ataque ao sistema público de pensións avalado por UGT, CCOO, a patronal e o Goberno, coa nova reforma laboral que pactaron".