
A EPA constata a caída da poboación activa en Galiza e o medre do número de persoas desempregadas

A pesar de que os datos da economía macro anuncian que a economía española é a que máis medra da Unión Europea, os datos da EPA revelan que no primeiro trimestre do ano o paro aumentou en Galiza o 1,5%, ao tempo que descendeu a taxa de ocupación un 0,3% (o que significa 3.200 persoas menos con emprego que no último trimestre de 2024) e seguimos a perder poboación activa (1.600 persoas, un 0,15%). Ademais, neste período aumentou de 41 a 42,4%, o número de fogares con todas as persoas no paro.
A perda da ocupación afectou a todos os sectores económicos agás ao industrial que, cun 2,7% máis de persoas ocupadas, sostivo a caída xeneralizada de emprego nas restantes actividades. En termos relativos, o sector primario, tanto o agrario como o pesqueiro, foi onde máis empregos se perderon; mentres que na construción foi o que máis descendeu, en termos absolutos.
Segundo os datos da EPA, neste período tamén descende a poboación asalariada con contrato temporal (-14,6%), mais a poboación con contrato indefinido só aumentou o 1,7%.
Por sexos, a taxa de ocupación feminina subiu o 1% neste período, mentres que a masculina caeu o 1,5%, habendo 8.800 homes sen emprego máis que no último trimestre de 2024. Deste xeito, a taxa de paro media medrou unha décima neste período e tan só aumentou a taxa de paro masculina, 6 décimas superior, xa que entre as mulleres descendeu 4 décimas.
Precariedade, baixos salarios e estacionalidade
O secretario confederal de Negociación Colectivo, Francisco González Sío, atribúe estes datos negativos ás características do mercado laboral español e galego, baseado na precariedade, os baixos salarios e a estacionalidade. Subliña que mentres non se aprobe unha lexislación que outorgue estabilidade no emprego, mellore os salarios e remate coas fórmulas que facilitan a creación de emprego precario “non sairemos deste bucle”.
Lembra que aínda que na UE descendeu o desemprego preto dun 5%, Galiza segue a ser das zonas de Europa coa taxa de paro máis elevada: de cada 100 persoas traballadoras, 9 están no paro. Cifra que cualifica de “auténtica barbaridade”, e á que habería que engadir a “trampa” das persoas con contrato fixo-descontinuo, que non computan como desempregadas aínda que non estean percibindo un salario.
Advirte, ademais, que entre poboación asalariada hai unha porcentaxe importante que vive na precariedade e na pobreza extrema “con traballos parcializados, e polo tanto sen percibir o salario completo, e con infrasalarios porque non se cumpre a Carta Social Europea e o SMI non acada o 60% do salario medio no Estado español”. Nesta liña, o secretario de Negociación Colectiva da CIG salientou que, segundo os datos da propia Axencia Tributaria, o 36% das persoas traballadoras declaran non ter ingresos superiores ao SMI.
“En resumo, en Galiza temos case 1 de cada 10 persoas no desemprego e dentro das persoas con emprego, 36 de cada 100 cobran infrasalarios”, aseverou. Esta precariedade agrávase coas novas formas de explotación que representan o traballo a través das ETT, os centros especiais de emprego ou as empresas multiservizos.
Por todo isto, a CIG reitera a necesidade de derrogar as reformas laborais de 2010, 2012 e 2021, que se recuperen os dereitos previos, e que se traballe nun marco lexislativo máis garantista e que promova emprego de calidade, así como avanzar na creación dun marco galego de relacións laborais para poder “decidir e incidir sobre as nosas condicións de traballo”.